A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou “o uso exclusivo do castelán” nas redes sociais do departamento de turismo da Deputación de Pontevedra (Turismo Rías Baixas), recordando que “tanto o Estatuto de autonomía de Galiza como a Lei de normalización lingüística e a Lei de administración local de Galiza protexen o uso da nosa lingua por parte das administracións públicas do país”. A entidade considera “especialmente graves” que malia as queixas dos internautas feitas a través do seu servizo Liña do Galego a entidade provincial considere “xustificada” a eliminación da nosa lingua das redes sociais de turismo por “dirixirse a un público potencial de fóra da Comunidade”.
Segundo a resposta da institución pontevedresa á queixa presentada pola Mesa, a Deputación distingue entre a estratexia de comunicación aplicada nas redes sociais da entidade provincial a aplicada nas redes sociais de Turismo Rías Baixas. Isto, en palabras da institución, débese a que se ben a actividade pública, cultural e informativa da Deputación ten como destinataria preferente a veciñanza da provincia de Pontevedra e os concellos , “pola contra as redes sociais de Turismo Rías Baixas diríxense a un público moito máis heteroxéneo, composto polo mercado interior galego, público nacional e tamén persoas estranxeiras”.
Perante a insistencia da Mesa a Deputación de Pontevedra accedeu a aceptar “a convivencia do galego e o castelán” nalgunhas das redes sociais de Turismo Rías Baixas, Facebook e Twitter. Porén A Mesa critica que a entidade provincial “insista en manter en Instagram a opción exclusiva do castelán”, como “decisión estratéxica máis conveniente para os intereses económicos do sector turístico pontevedrés”.
A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, recorda que “esta posición de subordinación da lingua propia por parte dunha administración pública é inadmisible e contravén as leis”.
A Mesa denuncia o uso exclusivo do castelán nas redes sociais de Turismo Rías Baixas
Compartir Este Artigo

