
O procedemento de presentación de candidaturas ás seis categorías do certame é integramente dixital. Tres delas están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como “un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial”, explicou a axencia que dirixe Patricia Argerey, engadindo que a categoría de traxectoria innovadora recoñece a empresarios e profesionais cunha experiencia de alomenos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. A maiores, as categorías de grande empresa e pemes distinguen as compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos dez e cinco anos, respectivamente.
As outras tres categorías recoñecen aos profesionais e empresas que “contribúen de xeito significativo á mellora do prestixio do deseño galego” e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, “demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade”. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de grande empresa e o premio para empresas no apartado de deseño teñen carácter honorífico, e todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.
Criterios e primeira edición do certame
Entre os criterios de avaliación, os xurados das categorías de innovación terán en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. Os xurados dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.
Estes foron os aspectos nos que destacaron os galardoados na primeira edición deste certame. Na sección de innovación os premiados foron Francisco Guitián (traxectoria innovadora), Marine Instruments (pemes) e Cupa Innovación (grandes empresas). Na de deseño, foron recoñecidos Cenlitrosmetrocadrado (profesionais), Eva Yarza (deseñadores/as mozos/as) e Televés (empresas).
Aberta a convocatoria da segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño
Compartir Este Artigo

