A tecnolóxica Tiekom, fornecedora de servizos de telecomunicacións e contidos con sede principal en Madrid, contempla entre os seus obxectivos instalar parte do seu equipo na nosa terra, concretamente en Ourense, onde habilitará a súa rede de servizos. Así o fixeron saber os seus responsables a semana pasada nunha xuntanza co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, celebrada no Pazo Provincial. Na cita participaron o director executivo da empresa, Carlos Díaz, e o consultor de Zin Capital Vicente Martín.
Tiekom é unha empresa que dirixe principalmente o seu mercado a cidadáns europeos que residen en España de maneira permanente ou por longas tempadas, poñendo a súa disposición unha ampla oferta de conectividade e acceso a Internet.
Ademais de servizos de telecomunicacións, Tiekom ofrece tamén unha plataforma de televisión onde os clientes poden ver programas do seu propio país en calquera dispositivo, e a súa web contempla un apartado dedicado a enerxía verde, que permite coidar do medio ambiente e aforrar ata un 40 % nas facturas mensuais.
En datas vindeiras, incorporará unha sección especializada en videoxogos e en sistemas de seguridade para o fogar.
A tecnolóxica Tiekom estuda situar en Ourense a súa sede de servizos
Compartir Este Artigo

