Lugo acolleu este venres 16 de xullo a presentación dunha innovadora iniciativa para fomentar as compras locais e dar azos á recuperación económica tralos reveses da COVID-19. Trátase do proxecto Lugo é capital, urban ad display, que sería, en palabras da alcaldesa Lara Méndez, “a primeira experiencia piloto que se pon en marcha en España de impulso do comercio e da hostalaría a través dun sistema innovador de cartelería interactiva”.
A tecnoloxía habilitada, sinalou, “non só aumentará a visibilidade dos establecementos e dos seus produtos e servizos”, permitindo unha interacción directa entre os negocios e a cidadanía durante 24 horas os 7 días da semana, senón que “posibilitará recoller datos derivados do uso das pantallas, de maneira ética e anónima, que facilitarán a orientación de novas estratexias de fidelización e venda”.
A rexedora, acompañada da tenente de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, aclarou que este proxecto foi o único seleccionado de toda Galicia na convocatoria que abriu a Cámara de Comercio de España sobre iniciativas singulares en cascos históricos para modernizar o comercio retallista trala pandemia.
O proxecto inclúe catro pantallas interactivas, dúas fixas no exterior das dependencias municipais de Novas Tecnoloxías, e dous tótems móbiles que serán itinerantes. As mesmas actuarán como soportes de publicidade gratuíta dos comercios e abren a posibilidade de que o comprador interactúe cos eles (compras, reservas). Ademais, sinalou a alcaldesa,” aglutina tecnoloxías capaces de identificar persoas, procesos e percorridos para analizar os comportamentos e medir así mesmo a efectividade das campañas”.
A iniciativa está en fase de validación, podendo implantarse logo nos comercios como escaparates táctiles, facilitando funcionalidades como comercio electrónico ou publicidade dixital a través das capacidades de interactividade táctil e de acceso ás plataformas web e ás redes sociais que pon en xogo. “Este proxecto piloto pode ser a antesala doutro máis ambicioso, a desenvolver en todo o comercio e a hostalaría local, pois a aprendizaxe que nos trasladou esta pandemia é precisamente a necesidade de adaptación e previsión a este cambio de paradigma e enorme reto para estes sectores”, engadiu a rexedora, explicando que os dispositivos, amais de información comercial, achegarán á cidadanía contidos de interese como a axenda municipal, rutas, avisos e alertas socio-sanitarias, entre outros, e “permitirán revitalizar a imaxe da cidade para os visitantes que acoden a Lugo”.
As pantallas contan cun cristal interactivo con protección antivandálica. Tamén levan instalada unha lámina transparente e antimicrobiana, capaz de desactivar o 99% dos virus da superficie.
Lugo fomentará as compras locais con 4 pantallas dixitais, interactivas e anti-COVID
Compartir Este Artigo

