Dende WhatsApp están a corrixir unha das eivas da súa solución de chamadas en grupo, que xa non funciona tanto como unha chamada, senón que poderiamos describilo mellor como unha xuntanza, pois agora permite que poidamos unirnos ás conversas grupais despois do seu inicio, de xeito que se non respondemos inmediatamente no momento da convocatoria da reunión virtual teremos unha entrada na listaxe de chamadas nas que veremos as conversas grupais en curso, para poder unirnos ás mesmas en calquera momento.
Esta función busca que os usuarios poidan atender a chamadas grupais con maior flexibilidade, xa que un non sempre pode responder ao instante, e dese xeito temos agora a posibilidade de incorporarnos con certo retraso ás conversas sen que teñan que volver convidarnos á mesma.
Na información sobre as chamadas en curso podemos consultar tanto as persoas que están a participar nese momento en concreto como todos os que foron convidados e aínda non se uniron.
WhatsApp permite unirse con retraso ás chamadas en grupo
Compartir Este Artigo
