O Goberno galego apoiará o fomento e a consolidación do emprego en pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica. Farao con axudas que poden superar os 200.000 euros no caso das empresas radicadas no rural, que xeren máis postos e que permitan a inserción laboral de colectivos prioritarios como mulleres, maiores de 45 anos ou emigrantes retornados. Esta liña de traballo vai mobilizar dous millóns de euros. O obxectivo é inserir laboralmente a unhas 430 persoas en máis de 400 empresas.
Estas axudas constan de dúas vías de actuación. Dunha banda están os apoios destinados ás pequenas empresas de nova creación que conforman o primeiro dos programas e, doutra, os destinados a favorecer o desenvolvemento de iniciativas de emprego con base tecnolóxica que permitan aproveitar o potencial formativo de galegas e galegos, que sustentan o segundo dos programas.
Ao primeiro dos programas destínanse 1,5 millóns de euros co obxecto de apoiar a creación de emprego estable en pequenas empresas de nova creación (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10), a formación (3.000 euros por empresa), o inicio da actividade (de 2.000 a 9.000 euros por posto ata un máximo de 10) e a conciliación (apoio máximo de 3.000 euros para cubrir os custos das escolas infantís para fillos menores de tres anos dos promotores). Sumando estas catro axudas, que son complementarias, a contía máxima poderá acadar os 186.000 euros. Este programa pretende chegar a unhas 400 empresas e arredor de 390 traballadores.
O segundo dos programas, dotado con medio millóns de euros, está dirixido ás empresas de base tecnolóxica. Neste caso, estímase que os apoios poidan acadar a unha vintena de firmas e uns 40 traballadoras ou traballadores. Trátase de “aproveitar o potencial empresarial das persoas adicadas á investigación e con coñecementos tecnolóxicos coa finalidade de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego”, explícase nas bases
A creación directa de emprego estable nas iniciativas de base tecnolóxica recibirá inxeccións de 6.000 ata 22.500 euros por posto creado, dependendo as contías da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas. Prevense ademais apoios para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións) e para a posta en marcha do proxecto empresarial (ata 24.000 euros segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade). Ao igual que no primeiro programa, todas estas axudas son complementarias entre si, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.
En ambos os dous programas, os impulsos incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos, emigrantes retornados, etc.
Segundo informa a Consellería de Emprego, as empresas interesadas poderán solicitar estas axudas ata o 20 de agosto, no caso das pequenas empresas de nova creación en ata o 30 de setembro para as empresas de base tecnolóxica.
O Goberno galego destina millón de euros a incentivar o emprego en firmas de base tecnolóxica
Compartir Este Artigo

