A agardada poxa polo espectro relativo á banda de 700 MHz para o despregamento de redes e servizos 5G rematou hoxe mesmo a súa licitación, levándose a cabo un total de 12 quendas coa participación de Telefónica, Vodafone e Orange, que achegarán polas súas concesións un total de 1.010.089.000 euros. Estas concesións terán unha duración de 20 anos prorrogables por outros 20 anos máis.
Telefónica fíxose cun bloque abstracto de 2×10 MHz de cobertura estatal, polo que pagará 310.089.000 euros; Vodafone pagará 350.000.000 euros por un bloque abstrato de 2×10 MHz de cobertura estatal; e, finalmente, Orange fíxose con dous bloques abstractos de 2×5 MHz de cobertura estatal polos que pagará 175.000.000 euros por cada un. Estes bloques de están situados nas bandas de 703-733 e 758-788 MHz, mentres que na banda dos 738-753 MHz ofrecíanse 3 bloques abstractos de 5 MHz descendentes sobre os que non houbo interese, quedando deserta a súa poxa.
Esta é a terceira poxa por frecuencias de redes 5G en España, correspondendo as anteriores ás bandas dos 3,6-3,8 GHz, frecuencias que están a explotarse actualmente, pero que teñen claras limitacións á hora de conseguir cobertura no interior dos edificios ou para cubrir grandes áreas rurais, de aí que esta última poxa resulte tan interesante e estea a verse como o punto de partida dunhas conexións 5G de calidade, das que é toda unha incógnita o que acontecerá coas operadoras distintas ás 3 meirandes, concretamente no caso do Grupo MásMóvil, que non quixo presentarse á poxa, o que podería colocar ao operador (ao que pertence a cableira R) nunha situación de desvantaxe competitiva, pois non quedarían fóra da 5G, pero si da súa banda de frecuencias preferente.
Complétase a poxa pola banda de 700 MHz para a 5G
Compartir Este Artigo
