Levamos anos comentando como os desenvolvedores de software van deixando de lado versións obsoletas dos sistemas operativos móbiles, avisando con bastante tempo para instar aos usuarios a renovar os seus terminais, de xeito que cada ano imos dando conta de, por exemplo, os móbiles nos que deixa de funcionar WhatsApp, e precisamente os terminais con Android 2.3.7 deixaron de funcionar cona ferramenta de comunicación o ano pasado, e agora é a propia Google a que abandona esta versión de Android principalmente como medida de seguridade, asegurando que a partir do 27 de setembro iniciarán o bloqueo de dispositivos con versións de Android tan vellas.
Deste xeito, quen teña aínda un trebello con Android 2.3.7 deixará de poder acceder a Gmail, a YouTube ou a Google Maps, o que para un usuario europeo é o máis semellante a deixar de ter un smartphone e pasar a ter un dispositivo que só serviría para realizar chamadas telefónicas e comunicarse mediante mensaxes de texto.
Dende Google advirten de que algúns dispositivos con Android 2.3.7 poden actualizarse a versións de Android superiores á 3.0, polo que deberían actualizar canto antes para evitar perder acceso aos seus servizos o mes que vén.
Cómpre lembrar que en setembro Android 2.3.7 chegaría aos 10 anos, polo que é demasiado antigo e supón todo un risco para a seguridade, á vez que o seu uso é completamente residual. De feito, menos do 0,2% dos dispositivos con Android empregan unha versión do sistema operativo inferior á 4.0.
Google non permitirá que as versións moi vellas de Android empreguen os seus servizos
Compartir Este Artigo
