As historias de Twitter ou Fleets dixeron adeus hai poucas horas, o que supuxo un importante cambio de interface na aplicación móbil da plataforma social que, ao eliminar esa barra superior quedou sen un lugar para destacar os Twitter Spaces, e aproveitando o interese dos usuarios por saber o que estaban a preparar para que os Espazos de Twitter recuperasen posicións anunciaron que por fin chega ao servizo a característica máis demandada dende o primeiro día: a posibilidade de que varios usuarios administren un Espazo.
A demanda de poder contar con varios administradores respondía principalmente ao problema de que, se o anfitrión tiña algún problema de conexión, o Espazo perdíase e tiña que volver crear outro; pero tamén atende ao problema de Espazos multitudinarios, nos que non resulta doado que a persoa que o convoca estea falando e paralelamente reparta quendas de palabra e outras tarefas de administración, traballo que de poder delegar noutras persoas permitiría unha mellor xestión das salas de audio en directo.
Dende hoxe os Espazos de Twitter permite que o administrador poida convidar a outros 2 coadministradores, aos que poden sumarse ata 10 falantes máis.
Os coadministradores poden convidar a falar, administrar as peticións, eliminar participantes, fixar chíos e outras opcións típicas dun administrador dun Espazo.
Os Espazos de Twitter por fin poden contar con varios administradores
Compartir Este Artigo
