A compañía de seguridade informática NortonLifeLock pechou un acordo de compra por Avast por unha cantidade de entre 8.100 e 8.600 millóns de dólares, dos que parte sería en efectivo e parte en participacións, fusionando así as compañías para poder manterse nun mercado cada vez máis complicado, no que boa parte do software de seguridade informática resulta innecesario para a meirande parte de consumidores, que teñen dabondo coas medidas de seguridade dos sistemas operativos e co seguimento de boas prácticas.
Dende NortonLifeLock aseguran que a seguridade informática de consumo supera os 500 millóns de usuarios potenciais, e coa fusión con Avast conseguen consolidar un catálogo de produtos para atender a este mercado, á vez que tamén conseguen mellorar a súa expansión xeográfica e sectorial.
A compañía resultante da fusión entre NortonLifeLock e Avast manterá sedes en Praga (República Checa) e Tempe (Arizona) e cotizará no NASDAQ.
