Co anuncio oficial de Windows 11 lanzouse unha ferramenta para comprobar se o noso equipo informático é compatible co futuro sistema operativo, levando moitos usuarios unha desagradable sorpresa ao comprobar esixencias como que o equipo conte con TPM 2.0 e que o seu procesador sexa moi recente (por exemplo, deixaba fóra os procesadores Intel Core de 7ª xeración), cando a fronteira entre equipos compatibles e incompatibles non debería ir moito máis aló de esixir un mínimo de memoria RAM e compatibilidade con Windows 10.
Tras o feedback recibido nas probas das últimas semanas, ampliaron o número de procesadores soportados oficialmente, incluíndo procesadores Intel Core X, Xeon W e Core 7820HQ (o utilizado polo Surface Studio 2 de Microsoft, que sorprendía inicialmente ao quedar fóra do soporte de Windows 11, situación que corrixen), deixando claro que como principais criterios teñen a fiabilidade, a seguridade e a compatibilidade.
Cando esteamos ante equipos que non cumpran con algún requisito mínimo fixado por Microsoft, recomendan continuar a utilizar Windows 10, coa tranquilidade de que, como mínimo, continuará a recibir soporte ata o 14 de outubro de 2025 (data límite que tradicionalmente amplíase bastante anos, para atender ás demandas dos usuarios corporativos que esixen un soporte ampliado).
O máis curioso de todas estas matizacións é que, pese á fronteira trazada por Microsoft para limitar o uso de Windows 11, estamos a falar realmente dunha restrición para actualizar dende Windows 10, polo que se temos un equipo algo vello pero que consideramos que é potente dabondo podemos arriscarnos a descargar unha ISO de Windows 11 e instalala manualmente, o que debería ser posible en equipos que conten como mínimo cun procesador de 64 bits a 1 GHz e 2 núcleos, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento.
En calquera caso cómpre destacar que Microsoft non recomenda ignorar os requisitos mínimos de Windows 11, xa que definíronse en función de numerosas probas, e os equipos con prestacións inferiores son máis propensos a ter problemas.
De todo isto é doado deducir que a intención real de Windows 11 é dinamizar o mercado dos ordenadores persoais, instando á renovación dun parque de equipos moi envellecido, xa que nos últimos anos os consumidores deron prioridade aos dispositivos móbiles e consideran que ordenadores con incluso máis de 10 anos son dabondo para as limitadas tarefas que realizan neles.
Aínda que oficialmente non hai unha data pechada, prevese que ao longo do mes de setembro as versións experimentais de Windows 11 maduren a grande velocidade (de feito, estes días Microsoft está a recomendar aos usuarios que están probar a versión para desenvolvedores do sistema que muden a súa configuración no programa Insiders para recibir unicamente as versións beta se queren ter un sistema seguro que vaia na liña do Windows 11 final) para que no mes de outubro Windows 11 poida lanzarse oficialmente, e así o sistema operativo estea listo para os equipos novos que se vendan na campaña de Nadal.
Windows 11 poderá instalarse manualmente para ignorar os seus requisitos mínimos
Compartir Este Artigo
