Presentan oficialmente Windows 11

xoves, 24 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Esta tarde Microsoft celebrou o evento de presentación de Windows 11, renovación de Windows 10 que chegará a finais de ano aos equipos que cumpran cunha serie de requisitos, así como en ordenadores novos, e que principalmente supón un cambio estético do sistema operativo, xunto cunha serie de cambios que pretenden responder aos cambios no uso dos ordenadores que vivimos nos últimos 18 meses (en boa medida en consecuencia do confinamento por mor do coronavirus e polo auxe do teletraballo e a teleformación).
O cambio máis visible de Windows 11 é un novo Botón de Inicio situado no centro da barra de tarefas, que chega acompañado de novas cores, novos sons, novas tipografías, novas iconas... en definitiva, unha nova estética para acompañar unha experiencia que busca a simplicidade.
Windows 11 tamén busca a sincronización de arquivos na nube, integra Microsoft Teams na barra de tarefas (una das consecuencias máis directas dos novos xeitos de traballar), potencia a personalización do espazo de traballo (con mellor xestión de escritorios virtuais e máis facilidades á hora de organizar as fiestras en pantalla), a estrea dun fluxo de contidos personalizado por intelixencia artificial que deron en chamar Widgets, un reforzamento da seguridade, a aposta pola Microsoft Store como fonte de aplicacións e contido de confianza e, como detalle máis rechamante, a posibilidade de instalar aplicacións de Android dende a Microsoft Store e da Amazon Appstore, o que permitirá cousas como instalar a aplicación de TikTok nun equipo de escritorio.
De xeito semellante a cando se lanzou Windows 10, será posible empregar unha ferramenta para comprobar se o noso equipo é compatible con Windows 11, para así poder actualizar ao noso sistema operativo totalmente de balde a finais de ano, aínda que a partir da vindeira semana será posible probar anticipadamente Windows 11 a través do programa Windows Insider.

Grande aposta polos videoxogos

Na presentación desta tarde tratáronse durante un bo anaco de tempo as novidades relativas aos videoxogos en Windows 11; sistema que ofrecerá unha mellor experiencia en xogos grazas a tecnoloxías como o Auto HDR (que aplica efectos de alto rango dinámico a xogos feitos con DirectX 11 ou superior); tirarán un maior proveito das unidades de almacenamento de estado sólido de alta velocidade con DirectStorage (tecnoloxía análoga á empregada nas novas Xbox para acelerar a carga dos xogos); e continúan a contar con máis dun cento de xogos no Xbox Game Pass para PC, coa novidade de que o xogo na nube de Xbox que actualmente está dispoñible a través de navegador web en ordenadores funcionará directamente na aplicación de escritorio de Xbox.

Windows 11 quere ofrecer unha experiencia de uso que se adapte á numerosos tipos de dispositivo

Vídeo de presentación de Windows 11

PUBLICIDADE