Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, escrita e dirixida por Irene Pin, vén de proclamarse gañadora do Premio a Mellor Piloto de Serie Nacional no Festival de Cine Español Emerxente (FECICAM).
O novo recoñecemento a Amnesia 3.0, gañadora tamén do premio á produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay e finalista ao Premio Mestre Mateo a Mellor Serie Web da Academia Galega do Audiovisual, referenda non só a calidade intrínseca da produción, centrada en recrear o que acontecería nun mundo que perdeu a capacidade de lembrar, senón tamén o seu carácter innovador e visionario, ao apostar por un novo tipo de relación interactiva cos espectadores: unha relación na que terán que escoller (os espectadores) o rumbo que toma a historia.
Amnesia 3.0 é ademais un proxecto en desenvolvemento, ao xeito dun videoxogo ou dunha aplicación. De feito, o equipo creador da webserie, confirmou recentemente que “para salvar as limitacións das proxeccións tradicionais”, está a traballar nun sistema que permita tomar as decisións en tempo real por votación do público a través dunha app móbil.
A webserie iniciou este verán a rodaxe da súa segunda temporada, na que se incorporarán intérpretes como Lidia Veiga, Mabel Rivera ou Melania Cruz. Se a primeira temporada nos introduciu nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias, “esta nova achega pretende afondar nas dinámicas que levaron a esta situación”.
Sinopse
Na realidade de Amnesia 3.0 ninguén lembra. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo. Así, as persoas desenvolven as súas funcións dentro do sistema, ordenadas polas súas axendas, sen pensar nin preguntarse. Pero dentro desta harmoniosa utopía, hai quen sobrevive na marxe. Son as habitantes das Estremas, nómades ancoradas á tradición que foxen dese control.
A serie galega Amnesia 3.0, premiada no Festival de Cine Español Emerxente
Compartir Este Artigo

