Hai poucas semanas nacía RadioGalegaPodcast.gal como un espazo web no que se recollían pezas sonoras para o seu consumo en liña, e agora esta plataforma prepárase para estrear contidos orixinais, producidos directamente para a Rede, e non reciclados de emisións tradicionais, estreando mañá mesmo o podcast nativo dixital Superando a ficción, da xornalista Cristina García, quen actualmente forma parte do equipo habitual de A Bóla Extra, programa que se emite simultaneamente na TVG e na Radio Galega.
Superando a ficción contará inicialmente cunha tempada de 6 capítulos que irán chegando semanalmente e nos que Cristina García narrará unha historia real que, de non saber que sucedeu, parecería o argumento dunha obra de ficción e, de feito, varias destas historias remataron adaptándose á pantalla grande.
A primeira entrega do podcast está centrada na actriz Gene Tierney (coñecida por películas como Laura de Otto Preminger), e no resto de episodios trasladarase aos oíntes á Habana na época da Revolución, ao Hollywood do cine negro, a Estocolmo nos tempos de ABBA trunfando en Eurovisión e a unha illa italiana durante a erupción dun volcán. Cada entrega terá o título dunha película.
A Radio Galega estrea o seu primeiro podcast nativo dixital
Compartir Este Artigo
