Red.es vén de compartir os detalles dun estudo que guinda información en positivo sobre o panorama actual da seguridade en liña. O informe en cuestión (o balance semestral do observatorio ObservaCiber) sinala que a cifra de persoas internautas que sufriron un incidente grave de seguridade baixou ata o 28%. Estes e outros datos figuran no Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos, dispoñible en formato PDF na web de ObservaCiber.
Este documento ten como obxectivo analizar os hábitos e as incidencias da cidadanía en materia de seguridade dixital, así como a súa percepción sobre este ámbito e o grao de confianza dixital das persoas usuarias de TIC en España.
Entre xaneiro e xuño de 2021 o informe dá conta dun aumento do uso dos pagos a través de Internet (61%), do acceso a contidos dixitais de pago ou subscrición (45%) e tamén dos cursos e formación online (26%). Este medre da actividade en Internet veu acompañada cunha diminución da taxa de persoas usuarias que declararon sufrir unha incidencia de ciberseguridade grave, taxa que caeu case 2 puntos porcentuais ata situarse nun 28%.
Porén, máis da metade da poboación internauta, un 55,3%, experimentou algún incidente de ciberseguridade durante o primeiros seis meses de 2021, un dato lixeiramente inferior ao 55,8% rexistrado durante o semestre anterior. A recepción de correos indeseados tipo spam é a incidencia máis reportada (85%), seguida dos virus informáticos ou outros códigos maliciosos (14%).
Ademais, medrou ata o 61% o número de persoas que realizaron algún cambio nos seus hábitos de navegación online tras sufrir un problema de seguridade. Estas accións céntranse sobre todo no cambio de contrasinal, a utilización dun xestor de contrasinais ou a actualización das ferramentas de privacidade.
Doutra banda, o informe certifica que seis de cada dez internautas sufriron algunha situación de fraude durante o primeiro semestre, unha cifra máis baixa que ao do período anterior.
Os homes continúan experimentando con maior frecuencia que as mulleres situacións de fraude.
Outro dato positivo é que aumentaron ata preto do 30% as persoas internautas que modificaron os seus hábitos de compra tras sufrir unha situación de fraude.
Baixa o número de internautas que sufriron un incidente grave de seguridade
Compartir Este Artigo

