O Concello de San Sadurniño anunciou “un mes de xaneiro cargado de propostas formativas relacionadas directamente co tecnolóxico”. Novamente o centro de operacións destas actividades será a aula CeMIT local, quen ten previsto organizar novos cursos de balde “para mostrarnos como defendernos mellor na Rede e facer xestión a través dela”. O programa vén da man da aula, o Concello e a academia Telegal, que contribúe con tres actividades máis.
Nun plano máis detallado, as actividades centraranse na iniciación á informática e a navegación por Internet desde ordenador, así como na axuda a particulares e entidades para que saiban como relacionarse coas administracións públicas agora que é obrigatorio facelo por vía telemática.
No caso de Telegal, serán tres cursos de 15 horas de duración sobre ferramentas de utilidade para dar clases, sobre menores e seguridade na rede e, por último, sobre como usar e sacarlle proveito á aplicación de deseño Canva.
As actividades para público en xeral na aula CeMIT comezarán o 18 de xaneiro e desenvolveranse ata o 16 de marzo por vídeo-conferencia divididas en dous grupos, un os martes de 10.00 a 11.30 horas e outro os mércores no mesmo intervalo horario. Aprenderase á cidadanía o manexo básico do computador e como navegar na Rede partindo dende cero. Para anotarse fará falla chamar ao teléfono/whatsapp 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.
Esta acción formativa complementarase cun servizo de axuda personalizada e presencial para aquelas persoas que xa teñan unha certa base e que queiran facer trámites electrónicos co Concello ou coa Xunta (certificado dixital, Chave 365, descarga de certificados COVID, etc). Poderán resolver dúbidas na aula da Casa da Cultura con cita previa os martes, mércores e venres de 9 a 14.00 horas e, ademais, tamén haberá sesións dentro dese mesmo horario nos locais sociais das parroquias: en Santa Mariña o 17 de xaneiro, en Lamas o 24 de xaneiro, en Bardaos o 31 de xaneiro, en Naraío o 7 de febreiro, en Igrexafeita o 14 de febreiro e en Ferreira de abaixo o 21 de febreiro.
Por outra banda, as entidades do municipio tamén poderán reservar cita eses mesmos días para coñecer as maneiras de cumprir coa normativa de relación coas administracións públicas. O Certificado Electrónico da FNMT para colectivos sociais, a Chave 365 e a Cl@ve Pin, as sedes electrónicas do Concello e da Xunta, o servizo Notifica.gal e Dehú, son algunhas das cuestións que “cómpre manexar con soltura para que asociacións veciñais, culturais e clubs poidan acceder a subvencións e facer outras xestións con eses organismos”, explicou o Concello.
Actividades propostas por Telegal
De cara ao 2022, a Academia Telegal tamén abrirá nuns días o prazo de inscrición en tres actividades que comezarán o 17 de xaneiro e rematarán o 27. Os tres cursos terán unha duración de 15 horas e desenvolveranse mediante teleformación.
O primeiro deles, titulado Gamificación nas aulas, mostrará distintas ferramentas para preparar clases dun xeito ameno e que motiven ao alumnado, introducindo para iso as aplicacións Kahoot, Plickers, Educaplay, Classdojo e Genially.
O segundo curso, Menores e seguridade na Rede, e ocuparase de formar ás nais e pais sobre como conseguir que a rapazada faga un uso responsable da Internet.
A terceira proposta de Telegal abordará a creación de deseños coa ferramenta Canva. Con ela pódense elaborar contidos visuais para a súa impresión en papel ou para publicalos en redes sociais. O prazo para anotarse en calquera deles permanecerá aberto entre 7 e o 13 de xaneiro.
San Sadurniño comezará o ano con seis cursos sobre usos prácticos das novas ferramentas
Compartir Este Artigo

