Este luns 3 de xaneiro procedeuse ao derradeiro sorteo da campaña de promoción comercial impulsada na provincia pola Deputación de Lugo e a Federación de Comercio. Con motivo do sorteo fíxose balance da actividade xerada na recta final de 2021, achegando datos de participación (máis de 70.000 persoas en máis de 40 localidades). Amais repartíronse 30.000€ en premios grazas á entrega por sorteo de 1.000 bonos de 30€ aos que accedeu a veciñanza da provincia ao rexistrar os seus tíckets de compra na web mercandoenlugo.com, que resultou ser, novamente, o alicerce principal da iniciativa e o principal foco de información sobre a mesma.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns no Pazo de San Marcos, xunto ao presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, no derradeiro sorteo da campaña Mercando en Lugo. Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo, que a institución provincial impulsou cunha achega económica de 50.000€ en colaboración coa Federación de Comercio.
Segundo fixeron saber, “a iniciativa resultou ser un éxito”, logo de que xerara un volume de negocio de preto de 4,3 M€ en compras realizadas en 5.500 establecementos de proximidade da provincia entre o 15 de novembro e o 31 de decembro en máis de 40 localidades en colaboración coas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da provincia de Lugo.
En total rexistráronse 71.525 tíckets, cun especial volume de implicación nos municipios de Lugo, Sarria, Lourenzá, Viveiro, Vilalba, Monforte de Lemos, Quiroga, Foz e A Pontenova.
A campaña consistiu no sorteo de bonos de consumo de 30 euros cada un para gastar nos 5.500 establecementos comerciais da provincia de Lugo, seguindo a estratexia dos Bonos Impulso da Deputación, xa que resultaron ser un éxito.
Mercandoenlugo.com impulsou unha campaña de promoción comercial na que participaron máis de 70.000 persoas
Compartir Este Artigo

