A Mancomunidade do Morrazo rematou o ano cunha importante novidade tecnolóxica. Estamos a falar da web www.turismodomorrazo.gal, que foi dada a coñecer o pasado 29 de decembro nun acto institucional no que se fixo fincapé nas vantaxes que a páxina pon en xogo en materia informativa (servirá para dar a coñecer a oferta cultural e natural da bisbarra) e en materia de impulso turístico e transformación. Compleméntase nas redes cunha potente estratexia promocional baixo o cancelo #morrazoterapia e cun vídeo con imaxes tomadas nos tres concellos que forman parte da entidade: Cangas, Moaña e Bueu.
A web artéllase en concisos bloques de contidos e cun compoñente marcadamente visual e intuitivo para facer resaltar especialmente a oferta cultural e natural dos concellos. A longa listaxe de recursos de promoción turística, a xeito de xanelas aos tesouros da comarca pontevedresa, compleméntase cun apartado informativo, a sección Novas, e un mapa interactivo onde aparecen situados todos os contidos da web.
Respecto do devandito vídeo promocional, lanzouse o pasado 29 de decembro web e en redes e é un resumo dos principais atrativos de Cangas, Moaña e Bueu. Foi gravado nas tres localidades entre finais de novembro e principios deste mes de decembro e nel móstranse lugares como Cabo Home, en Cangas; a praia da Banda do Río e o museo Massó de Bueu; ou a Poza da Moura de Moaña.

