A Deputación de Ourense, a través da Área de Transparencia e Goberno Aberto, participa nun programa de identificación electrónica transfronteiriza, o proxecto eID4Spain20, cuxa finalidade é “facilitar a toda a cidadanía e ás empresas da Unión Europea o acceso aos servizos públicos dixitais que ofrece a institución provincial”. En palabras do presidente provincial, Manuel Baltar, vai ser unha importante iniciativa para abordar un reto fundamental como é a redución da fenda dixital”, afirmou o presidente provincial Manuel Baltar.
O programa vai supoñer, engadiu, “un paso máis nesa vocación que temos pola tecnoloxía e a innovación, que sustentan a nosa política de accesibilidade electrónica a todas as xestións que necesitan os cidadáns, estendendo agora este proceso aos residentes nos países da nosa contorna”. Este proxecto, lembrou, súmase ás últimas iniciativas postas en marcha polo goberno provincial, entre as que se atopa o plan de innovación 5G-allaecia, destinado a impulsar a implantación da tecnoloxía móbil 5G na provincia e no norte de Portugal.
O proxecto eID4Spain20, coordinado pola Universidade de Valencia e no que tamén participan o concello valenciano de Torrente e o madrileño de Alcobendas, procura garantir a mobilidade transfronteiriza mediante o apoio e reforzo do mercado único dixital, facilitando a participación das persoas, empresas e colectivos noutros territorios da contorna, ademais de axustarse ás políticas, estratexias e actividades a nivel europeo nacional en materia de identificación electrónica.
A iniciativa, cun orzamento de máis de 100.000 euros co-financiados ao 75 % polo programa Conectar Europa, ten unha duración de 18 meses e suporá para os participantes e os seus beneficiarios “un paso máis na política de accesibilidade electrónica a todas as xestións que necesiten os cidadáns europeos”, engadiu Baltar.
A Deputación de Ourense co-impulsa un proxecto para facilitar o acceso a servizos públicos dixitais
Compartir Este Artigo

