A Xunta fixo balance da actividade despregada a través o programa Fórmate Internacional do Instituto Galego de Promoción Económica, impulsado polo IGAPE. Mediante esta iniciativa e ao abeiro curso FÓRMAT-e achegouse formación sobre comercio electrónico a máis de 400 pequenas e medianas empresas e persoas autónomas no marco do novo escenario post-COVID. O obxectivo foi axudalas a abordar un proceso de internacionalización dixital, nun contexto “no que mudaron os hábitos de consumo a nivel mundial”. Neste marco, o curso fai un percorrido polas bases do ecommerce como canle para o acceso a novos mercados.
O programa formativo iniciouse en setembro do pasado ano e durará ata o vindeiro mes de abril. Cada semana lévase a cabo unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que logo pasa a estar dispoñible na plataforma virtual do curso para a súa consulta.
Asemade, as pemes e persoas autónomas beneficiarias reciben unha ficha didáctica cun resumo dos contidos que se tratan no webinario correspondente e, unha vez ao mes, envíaselles un boletín cunha selección de novas de actualidade relevantes sobre a materia.
A internacionalización no contexto actual, o plan estratéxico dixital, a intelixencia competitiva, a contorna legal, a mercadotecnia dixital, a comunicación e a publicidade son as temáticas abordadas ata o de agora nun curso que, segundo unha enquisa realizada entre os rexistrados, conta cun alto grao de satisfacción “pola calidade do profesorado e a utilidade das materias impartidas”.
O IGAPE confirmou que en vindeiras datas retomarase o curso FÓRMAT-e con novos webinarios formativos. Así, o día 13 deste mesmo mes de xaneiro desenvolverase unha clase sobre Interpretación eficaz da tecnoloxía para a venda en liña, na que se estudará a parte tecnolóxica necesaria para poñer en marcha un comercio dixital. Unha semana despois, o día 20 de xaneiro, afondarase nas Ferramentas para a venda en liña e os medios de pago.
Está previsto que se celebren 13 sesións ata o próximo mes de abril, nas que se analizarán, entre outras cuestións, os diferentes modelos de distribución de ecommerce, como os marketplaces, as operacións no negocio en liña, os mercados dixitais –coa presenza das empresas Amazon e Alibaba en ambos os dous seminarios–, a negociación internacional e as xestións aduaneiras.
Aquelas empresas galegas que estean interesadas en adaptar a súa estratexia comercial internacional aínda poden inscribirse ao curso de balde a través da web do programa formativo do IGAPE.
O IGAPE achega formación en ecommerce a máis de 400 pemes e autónomos
Compartir Este Artigo

