O Concello de Ames fixo balance da actividade xerada pola súa canle de WhatsApp, o servizo WhatsAmes, dende a súa posta en marcha (hai medio ano). Segundo fixo saber, o servizo xa recibiu mensaxes de case un milleiro de persoas, que deixaron as súas dúbidas, queixas e suxestións a través da aplicación móbil, no número 606 71 41 63.
Dende a súa posta en marcha no pasado mes de agosto, o WhatsAmes serve como liña directa de comunicación entre a veciñanza e o Concello de Ames, dando unha atención personalizada e intentando responder nun período de 24 horas dende que se reciben as consultas. O obxectivo do Goberno local coa posta en marcha desta ferramenta foi tentar coñecer pequenas incidencias ou problemas “aos que é difícil chegar, polo que a contribución dos veciños e veciñas é chave para que o servizo funcione”, sinalan fontes do Consistorio, engadindo que un dos intres álxidos do servizo en materia de mensaxes foi durante os problemas de subministro de auga no Milladoiro en setembro, no que a veciñanza puido recibir instrucións e consultar dúbidas sobre o consumo de auga e o seu estado.
Os temas máis predominantes nas comunicacións cos veciños e veciñas de Ames están relacionados con obras e servizos, o estado e a limpeza das beirarrúas, ou suxestións sobre melloras en camiños e estradas. Outras das consultas máis recorrentes son sobre actividades e programas do Concello, medio ambiente, benestar animal, deportes ou urbanismo.
Case un milleiro de persoas contactaron co Concello de Ames a través da súa canle de WhatsApp
Compartir Este Artigo

