
Na súa sexta edición, o programa ofrece once obradoiros en liña de temática variada arredor da física, as matemáticas, a computación, a química ou a óptica que achegan “de forma divertida estas disciplinas ao alumnado de primaria”, e amosan as contribucións das mulleres nestas áreas. Impartidos por investigadoras e docentes da USC e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), compleméntanse con outra documentación tamén dispoñible na web da actividade que inclúe referencias a contos e relatos de mulleres que contribuíron ao avance da ciencia e a tecnoloxía.
Encina Calvo, profesora da área de Física Aplicada da USC e Eva Aguayo, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da universidade, coordinan este programa que busca “sementar nos centros de ensino o xerme para que a elección de titulacións deixe de reproducir o nesgo presente nos roles tradicionais de xénero”, en palabras das organizadoras.
A proposta didáctica deste ano componse dos cursos Coas mates pódense gardar segredos, impartido por Elena Vázquez Abal, profesora da Área de Xeometría e Topoloxía da USC; Física Divertida, da man das profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, da Área de Física Aplicada da USC; O pensamento computacional sen tecnoloxía e A enxeñaría e a ciencia, ambos os dous impartidos pola profesora da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do CITIUS, Eva Cernadas; AstrónomAs, outro universo por coñecer, coa profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Josefina Ling Ling; Xogando coa luz, impartido polas profesoras e investigadoras Maite Flores, María Aymerich e Carmen Bao da Área de Óptica da USC; Luz, cor e sombra, coas docentes Elena López Lago e Dolores Mouriz Cereijo da mesma área; A maxia que hai detrás da Física, con María José Gómez Calero, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías; Só facemos química cando imos ao laboratorio?, coas docentes Mª Raquel Domínguez González do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC; e Computando cunha soa man, con Cecilia Grela, Natalia Costas Lago e M. José Rodríguez Malmierca, investigadoras do CESGA.

