O selo vigués Ideaspropias Editorial, referente no desenvolvemento de contidos de teleformación e plataformas LMS con aula virtual (con máis de quince anos de experiencia no sector editorial e formativo), comezou 2022 cunha importante novidade no seu catálogo de servizos a prol da aprendizaxe innovadora e o coñecemento: a posta en marcha de IPElearning, marca que engloba todos os seus produtos e servizos de e-learning.
Esta novidade de Ideaspropias, pertencente ao Grupo Femxa, é en boa medida froito da longa experiencia da editorial na publicación de contidos de formación para o emprego e múltiples formatos.
“Durante o último ano, incrementamos de xeito notable tanto as vendas de licenzas SCORM, o alugueiro da nosa plataforma e a produción de cursos e-learning”, explica Pedro López, director xeral de Ideaspropias Editorial, engadindo que o devandito proceso tivo, entre outras, unha consecuencia directa: “A creación dunha nova marca en Ideaspropias Editorial, a marca IPElearning, na que englobamos todos os nosos contidos en liña, plataforma de teleformación e aula virtual”.
Durante o último ano, a actividade de Ideaspropias Editorial centrouse na produción de cursos axustados a certificados de profesionalidade, especialidades e accións formativas. En xaneiro de 2022, IPElearning presentou a súa nova liña de contidos para os ciclos de formación profesional en liña e os cursos de ensino a distancia axustados ás probas de acceso para FP, ESO e universidade.
A galega Ideaspropias Editorial presenta a súa nova marca de e-learning
Compartir Este Artigo

