A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, comezou a semana reuníndose coa mocidade de Lugo para poñer o foco na necesidade de teren un uso seguro das redes sociais, poñendo en práctica medidas que lles axuden a protexer os seus datos e a denunciar calquera situación de abuso da que poidan ser obxecto. Fixo estas declaracións na clausura dun curso de seguridade na Rede impartido pola Policía Nacional no CEIP do Sagrado Corazón. A subdelegada presidiu a entrega dos carnés que acreditan ás crianzas participantes como Ciberexpert@s. Foron 33 escolares de sexto de Primaria.
No acto participaron, tamén, o comisario xefe de operacións da Policía Nacional, Luis Miguel Romeira, e o delegado de Participación Cidadá da Comisaría provincial, Rubén Darío Veiga, que foi o encargado de impartir as charlas.
Isabel Rodríguez indicou aos escolares que “hoxe non podemos concibir a vida sen Internet, que nos ofrece moitas facilidades e pon o mundo ao noso alcance, pero é fundamental facer un uso intelixente das novas tecnoloxías, aproveitar as redes sociais para relacionarse, para aprender cousas e para divertirse, sen caer nunca na trampa de renunciar á nosa privacidade”.
A subdelegada destacou que “é moi importante sensibilizar á mocidade dos riscos que supón o uso indebido das novas tecnoloxías para evitar que se convertan en vítimas dos cada vez máis numerosos ciberdelitos”. Con ese obxectivo, dixo, “as forzas de seguridade do Estado imparten todos os cursos académicos charlas nos centros escolares da provincia dentro da programación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas”.
O CEIP Sacro Corazón, o Manuel Mallo Mallo e o Albeiros, todos de Lugo, acolleron xa tres cursos de Ciberexpert@s, cunha duración mínima de 5 horas. Para os próximos meses están programados outras tres actividades formativas deste tipo no CPR A Milagrosa, no CPR Salesianos e no CEIP Quiroga Ballesteros. En total serán 180 os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria que recibirán durante este curso esta formación impartida pola Policía Nacional.
Máis de 30 rapaces de Lugo recibiron o carné que os acredita como Ciberexpert@s da mans da Policía Nacional
Compartir Este Artigo

