Este xoves 3 de febreiro celebrouse a entrega de galardóns dos Premios GirlGeekCovid, que distinguen a motivación e a excelencia académica das alumnas da Universidade de Vigo que cursan carreiras de enxeñería e ciencias. No acto as catro gañadoras reivindicaron o esforzo das estudantes e alzaron a voz a prol da presenza activa das mulleres “en todos os eidos da actividade humana”, tamén nas carreiras STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Cada un dos premios do GirlGeekCovid está dotado con 2.000 euros, e o importe dos accésits é de 1.000.
No acto participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor Manuel Reigosa, que entregaron os diplomas na sede viguesa da institución, e coincidiron en que “as premiadas dan pulo co seu exemplo ao obxectivo de acadar a igualdade nas ciencias e na enxeñería”.
As alumnas agradeceron a súa iniciativa á Deputación, á Universidade e á Cátedra de Feminismos 4.0 (impulsada polas ditas entidades), a través da cal organízanse os premios. Tamén expresaron o seu agradecemento ás compañeiras e compañeiros, ao profesorado e especialmente ás súas familias por apoialas para que estudasen o que lles gusta.
Ana Ramírez, alumna do mestrado de Biotecnoloxía e primeiro premio na rama de Ciencias, reivindicou “que se valoren os éxitos e o esforzo das mulleres” e chamou a loitar “xuntas e xuntos pola igualdade”. Marielena Iglesias, do mestrado de Telecomunicacións e primeiro premio en Enxeñería, afirmou que nin o profesorado nin o alumnado da UVigo “puxeron nunca trabas” para que se convertese en enxeñeira e animou a todas e a todos a “seguir traballando por que as mulleres sexan visibles”. Uxía López, alumna do grao en Química e accésit en Ciencias, afirmou que “calquera alumna ou alumno quere que o seu traballo sexa recompensado, e iniciativas como os premios GirlGeekCovid son moi adecuadas para acadalo”. Pola súa banda Andrea Busto, do mestrado de Telecomunicacións e accésit en Enxeñería, reivindicou a resiliencia e “forza invisible” que fai superar retos.
Chamamento a incrementar a presenza das mozas no eido STEM
A presidenta da Deputación felicitou ás premiadas: “están cheas de coñecemento e compromiso e son unha esperanza para todas nós”, ademais de declararse “feliz de que se amose o talento das mulleres que estudan STEM. “Por que as mulleres non se matriculan nestas carreiras? Porque desde que nacemos nos orientan cara aos coidados, por iso somos máis en Medicina ou Educación, mentres que eles son orientados ao liderado, a toma de decisións e a investigación”. Resaltou que “hai que poñer en valor e visibilizar o traballo das mulleres”, poñendo como exemplo os Premios GirlGeekCovid, e fixo unha reivindicación: “Queremos un mundo co 50% de homes e mulleres nas tecnoloxías, e tamén nos coidados. Queremos ocupar o espazo que nos corresponde, e igualdade de oportunidades”. A presidenta amosou a súa preocupación pola baixa porcentaxe de matriculadas nestas áreas que constrúen o futuro e salientou que “as mulleres temos que estar aí”.
A UVigo e a Deputación de Pontevedra reivindican o talento feminino nos premios GirlGeekCovid
Compartir Este Artigo

