A Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai acoller esta semana un obradoiro enmarcado no ámbito da eSaúde, que é o punto onde colaboran e interactúan tecnoloxías disruptivas e atención médica. O seminario Modelos de simulación para o apoio da toma de decisións sobre a xestión de camas en UCI será este 9 de febreiro ás 17.00 horas. Celebrarase na Aula de Graos Víctor Gulías da Facultade de Informática da UDC e será impartido polo investigador da Universidade Pública de Navarra, Daniel García de Vicuña, e organizado por persoal investigador do CITIC.
Neste seminario exporanse metodoloxías de simulación para analizar e mellorar as decisións de ingreso e alta de pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos. “Estas decisións son especialmente relevantes en situacións de escaseza de camas, como a vivida nos dous últimos anos coa pandemia da COVID-19”, explican fontes do CITIC, engadindo que a actividades servirá, en termos máis concretos, para presentar os detalles dun simulador interactivo da UCI que non só permite a análise das decisións do persoal médico sobre o ingreso e alta de pacientes, senón que tamén é unha ferramenta útil de aprendizaxe e adestramento sobre a xestión destas unidades. Este modelo consegue representar o funcionamento real dunha UCI e recrear a evolución clínica real dos pacientes ingresados.
Doutra banda, preséntase unha ferramenta de apoio á toma de decisións para a planificación a curto prazo das necesidades de recursos hospitalarios, especialmente camas de UCI, para facer fronte a brotes, como a pandemia de COVID-19. Esta ferramenta foi utilizada diariamente, a partir de setembro de 2020, polos principais hospitais de Navarra e A Rioxa.
O acceso ao seminario é libre ata completar o aforo (50 persoas) e poderá seguirse online a través de Teams.
As tecnoloxías de simulación máis acaídas para mellorar as UCI, ao detalle nun seminario organizado polo CITIC
Compartir Este Artigo

