Este 8 de febreiro presentouse en Santiago unha investigación que pon o foco na necesidade de axudar aos menores, nas familias e nos centros docentes, para que acaden navegacións seguras, fiables, útiles e produtivas. O estudo en cuestión vén da man da UNICEF Comité Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago (USC) e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII) que preside o galego Fernández Suárez, tamén presidente do CPEIG. No informe dise que “un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociais”. Amais, un de cada cinco podería ter xa un tipo de adicción aos videoxogos e máis da metade tería aceptado a persoas descoñecidas en redes sociais.
A investigación Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días.
O documento foi presentado na Facultade de Psicoloxía nun acto que contou coa participación de Antonio Rial, profesor da USC e responsable do estudo; Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia; e Fernando Suárez, presidente do CCII, que dirixiu o soporte tecnolóxico do estudo. Na mesa redonda posterior, conducida por María Solar, xornalista e escritora, toman parte Belén Montesa, psicóloga e experta en adolescentes; Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas; Andrea Herrero, profesora de secundaria e directora do IES Praia Barraña, Boiro; e dous adolescentes, Beatriz e Martín, membros dos Consellos Locais de infancia e adolescencia de Teo e Nigrán, respectivamente. Inauguraron o acto Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC; Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia; e o propio Fernando Suárez en representación do CCII.
Redes sociais
O informe constata que non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO. Deste xeito, sinálase, “o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais”. O informe sinala que seis de cada dez teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, perfís que usan de xeito selectivo para familia e coñecidos ou para grupos de iguais. Así, cinco de cada dez, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecidos en redes sociais. “As prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais”, explícase na investigación, engadindo que son identificadas polos propios adolescentes como os principais riscos que presenta a tecnoloxía: catro de cada dez dos enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos– unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.
Videoxogos
No documento faise saber que “os videoxogos constitúen unha importante canle de socialización e interacción social, a través da cal os adolescentes coñecen xente e fan amigos”. Para seis de cada dez menores é a súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade. En relación á supervisión parental, só tres de cada dez pais se fixa no PEGI (Pan European Game Information, sistema europeo de clasificación de videoxogos por idade). Tamén preocupan o xogo e as apostas en liña, xa que se estima que 3.000 estudantes de ESO en Galicia fixérono algunha vez na súa vida; o 45,5% deles di que a súa motivación foi gañar diñeiro. E, aínda que un 22,6% das persoas enquisadas asegura ter discusións cos seus pais, nais ou coidadores pola tecnoloxía polo menos unha vez á semana, o informe constata que só ao 34,9% lles poñen límites ou normas os seus pais sobre o uso da Internet e/ou as pantallas.
A loita contra o ciberacoso, unha prioridade
No informe engádese que “a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas cás que ofrecen as estatísticas oficiais”. Apúntase tamén á urxencia de tomar medidas para reducir “as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de grooming, así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos”. En palabras de Antonio Rial, “o uso problemático da Internet e as redes, así como a frecuencia ou intensidade do xogo afecta ao día a día dos adolescentes e das súas familias, xa que impacta directamente no seu benestar emocional e na súa saúde mental”.
Entre estas recomendacións do informe, que velan por salvar, protexer e impulsar á infancia tamén na contorna dixital, destaca “a necesidade de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento; promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet; que os propios adolescentes reciban a información necesaria tanto para poder comprender os riscos como para poder denunciar situacións de abuso; contar con políticas máis contundentes por parte das institucións para a protección dos nenos e a súa imaxe na rede; e que a industria tecnolóxica garanta a protección dos adolescentes a través de, por exemplo, recomendacións claras de uso e privacidade”.
Un 54,1% dos adolescentes da nosa terra aceptou a descoñecidos en redes sociais
Compartir Este Artigo

