Estes días podemos participar nunha votación en liña que non só serve para que presumamos ante o mundo de algo que non sempre centra a nosa atención como debera, as nosas árbores, senón tamén para reivindicar integralmente o coidado pola natureza e o planeta. Estamos a falar do proceso aberto na Rede para elixir a árbore máis sobranceira de Europa (ambiental, paisaxística e culturalmente), un proceso que un exemplar da nosa terra ten moitos visos de gañar: o Carballo de Conxo (Santiago).
O Concello compostelán envorcou esforzos para visualizalo, reivindicalo e recadar apoios para a súa candidatura, un traballo que leva implícito un chamamento a preservar o mundo no que vivimos. Ao Concello sumáronse unha chea de entidades e cidadáns. Tamén a Deputación da Coruña, que se sumou o 10 de febreiro á campaña Vota Carballo.
O exemplar simbólico e referencial de Quercus robur no antigo bosque de Conxo (Santiago) compite a través da campaña para ser a Árbore Europea do 2022.
A votación estará aberta ata o 28 de febreiro.
Para votar cómpre facer o seguinte:
1. Cómpre acceder á web Tree of the Year para ir á páxina do concurso.
2. Para poder votar, debemos seleccionar dúas árbores. Que unha sexa o Carballo do Banquete, e outra a que nos guste.
3. Temos que facer clic sobre ¡Vamos a votar!, onde hai que introducir correo electrónico e logo confirmar polo menos a política de protección de datos.
4. Verificar o email, pulsando sobre a ligazón que nos envían para que o voto sexa válido.
Unha árbore con historia

Foi defendido por Rosalía de Castro nunha denuncia ecolóxica pioneira en España. O bosque que o acolle, ao pé do Camiño Portugués de peregrinación, é hoxe todo un cofre botánico, aberto ao público en 2018 cunha gran festa popular tras ficar inaccesible durante máis dun século.

