A Cidade da Cultura acolleu esta finde unha xuntanza entre o equipo da asociación Videoxogo.gal e a Consellería de Cultura, representada polo seu principal responsable, Román Rodríguez. Segundo fixo saber o titular de Cultura, o Goberno autonómico vai destinar un investimento de preto dun millón de euros para “o impulso do sector a través dun paquete específico de accións dirixidas á vertebrar e achegar competitividade ás industrias”. Farase ao abeiro do Hub Audiovisual de Galicia.
A primeira medida é unha convocatoria de axudas dotada con 500.000 euros. Este paquete de apoios materializarase neste primeiro semestre. A isto súmase posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.
Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de Videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, así como os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.
Román Rodríguez debullou a primeira das medidas de apoio, que, segundo dixo, “responde ao enorme potencial creativo e tecnolóxico do sector cun fondo de medio millón de euros, que se materializará nunha convocatoria pública de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos por parte de produtoras galegas”.
As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25% cun límite máximo de 100.000 euros. A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75% ata un máximo de 50.000 euros. En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Rodríguez engadiu que “o tempo estase a deseñar un polo de aceleración como segunda das medidas específicas para o sector dentro do Hub Audiovisual da Xunta”. Neste caso, as destinatarias serán persoas emprendedores e empresas novas para “contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e a súa consolidación”. Esta iniciativa desenvolverase a través dun convenio cunha entidade colaboradora, que actuará como aceleradora, ao abeiro do que se articularán accións e programas en dúas edicións, cunha duración global de 20 meses desde a súa posta en marcha e das que está previsto que se beneficien un mínimo de dez empresas.
Como medida complementaria para “contribuír a lograr unha maior e mellor estruturación do sector”, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Rodríguez dixo que este “mapeo” será o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Cultura achega un investimento dun millón de euros para fortalecer o noso sector dos videoxogos
Compartir Este Artigo

