A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou a semana pasada en Málaga no Foro Transfiere 2022, o principal encontro do sur de Europa en materia de I+D+i. Nas súas intervencións puxo o foco nas fortalezas da innovación galega e presentou o modelo galego de impulso á transferencia de coñecemento, así como nos esforzos do seu departamento para “contar cun ecosistema de innovación forte e cohesionado”.
A directora da Axencia Galega de Innovación explicou nunha mesa redonda sobre casos de éxito de financiamento privado da I+D que unha das fortalezas do ecosistema galego é precisamente “a cooperación”, tal e como se reflicte no informe La innovación abierta en Galicia da Fundación COTEC. Neste sentido, destacou algúns instrumentos impulsados pola Xunta para avanzar nesta colaboración, como as Unidades Mixtas de Investigación, a Compra Pública Innovadora, o modelo de impulso ao emprendemento das business factories, e os os fondos de capital risco.
Argerey participou tamén noutra mesa redonda sobre a xestión territorial dos fondos europeos xunto a representantes de Andalucía, Euskadi, Comunidade Valenciana e Madrid. A directora de GAIN apuntou que a transferencia de coñecemento é “clave para converter os resultados da investigación en valor económico e social e presentou o programa Ignicia, unha iniciativa pioneira en España para apoiar a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos”. Destacou tamén que Ignicia inclúe a convocatoria de proba de concepto que ten apoiado 23 proxectos cun investimento de 10,2 millóns de euros e da que naceron 9 spin-offs, ao que se suman outras actuacións como a monitoraxe do sistema de transferencia, a formación de xestores de transferencia e persoal investigador, o desenvolvemento de metodoloxías de apoio aos procesos de valorización e os encontros para favorecer a interrelación entre os axentes e aliñar as necesidades do tecido produtivo cos centros xeradores de coñecemento. Este programa dixo, “verase reforzado no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia con novas actuacións”.
Patricia Argerey mostra no Foro Transfiere os puntos fortes da innovación galega
Compartir Este Artigo

