A operadora de orixe galega R celebrou un almorzo dixital para guiar ás empresas nun uso comercial, rendible e competitivo das ferramentas de Intelixencia Artificial. Participou o científico de datos Luis Pita-Romero, ofrecendo ás persoas participantes diversas claves para a mellora das vendas e o incremento dos clientes. O almorzo Mellora a túa relación e o coñecemento do teu cliente/a coa IA desenvolveuse no edificio virtual de R, The Tech Experience, ante un auditorio de de máis dun centenar de profesionais e responsables do sector.
Na cita, Luis Pita-Romero asegurou que a Intelixencia Artificial é unha “ferramenta moi potente” que cada vez será máis habitual entre as empresas para coñecer mellor aos seus clientes. Para o especialista da consultora Baobab Soluciones e colaborador de BAI Analytics (equipo experto de R centrado na Intelixencia Artificial), o máis importante é “comprender, por unha banda, as necesidades dos negocios e, pola outra, como a IA pode axudarnos a conseguiren un maior entendemento dos/as clientes/as e do seu comportamento”.
Durante a charla quedou patente que a Intelixencia Artificial é “o compoñente perfecto para seguir avanzando no día a día das empresas galegas”, sobre todo porque os eidos onde é posible abordar e analizar información son cada vez máis amplos e formulan, progresivamente, novos desafíos e oportunidades. “E aínda máis no período postpandémico, cargado de retos, que vimos de comezar”, dixo o relator.
“A IA”, explicou Luis Pita-Romero, “utiliza as interaccións do/da cliente/a, as súas características e comportamentos e separa a información relevante da que non o é, logrando así obter conclusións valiosas”. A partir de aí poderase establecer con eles/as unha relación máis estreita, máis positiva e máis centrada precisamente neses aspectos que tanto valoran os/as destinatarios/as do produto ou servizo en cuestión: “Entre outros usos, a través destas técnicas analíticas, ao revelarnos o que é esencial para os clientes, permítenos mellorar a súa experiencia e aumentar a súa satisfacción, focalizando os nosos esforzos xusto aí”.
Colateralmente neste foro de R estábase a falar de empresas que poden converterse en data driven, as que adaptan a súa cultura empresarial a unha contorna dixitalizada e utilizan a información para mellorar o seu funcionamento. Este modelo de empresa dixitalizada consegue, en primeiro termo, aumentar a súa competitividade e optimizar o proceso de toma de decisións mediante o emprego eficiente dos datos. A información sobre os/as seus/súas clientes/as convértese no seu principal activo de valor e xestionala eficazmente é misión prioritaria.
R mostra polo miúdo como a Intelixencia Artificial mellora as vendas das empresas
Compartir Este Artigo

