O Banco Santander e as cámaras de comercio de Santiago e A Coruña convocaron a sexta edición do Premio Peme do Ano (Premio Pyme do Ano). Fixérono en colaboración coa Cámara de España e o xornal La Voz de Galicia. O obxectivo é recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas “como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián”, informaron das ditas entidades, engadindo que o prazo de presentación de candidaturas comeza este 2 de marzo e péchase ás 00:00 horas do próximo 30 de abril. Un dos parámetros básicos que se terá en conta será o nivel de dixitalización das aspirantes.
A esta nova convocatoria poden concorrer todas as pequenas e medianas empresas da provincia con menos de 250 empregados e cunha facturación inferior aos 50 millóns de euros ao peche do exercicio 2021 que teñan a sede social na provincia da Coruña. Coruña. Ademais da elección da Peme do Ano, o xurado poderá conceder catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Dixitalización, Formación e Emprego; e Peme Sustentable.
A empresa gañadora concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2022, que se fallará no primeiro trimestre de 2023.
Igualmente, as empresas gañadoras dos diferentes accésits concorrerán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías. As empresas interesadas deberán encher o formulario de inscrición que atoparán nas páxinas web da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio da Coruña, onde tamén poden consultar as bases do concurso.
O xurado valorará nas súas deliberacións méritos como a creación de emprego, con especial atención ao emprego indefinido; as accións de formación para os empregados; a internacionalización da empresa; as iniciativas de dixitalización e innovación, así como os proxectos sustentables nos que participaron as empresas.
En palabras das cámaras coruñesas, o Premio Peme do Ano consolídase con esta sexta edición “como o galardón de referencia para as pequenas e medianas empresas españolas”. O ano pasado, quinta edición do Premio, inscribíronse un total de 1.770 empresas das 50 provincias e a Cidade Autónoma de Ceuta, e contou coa participación de 47 cámaras de comercio territoriais. Desde 2017, ano do seu lanzamento, xa son 5.670 pemes que participaron neste certame.
O nivel de dixitalización será unha das claves para o Premio Peme do Ano
Compartir Este Artigo

