O espazo colaborativo A Proa, centro innovador de Ames emprazado no Polígono de Milladoiro e integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, organiza nos xoves deste mes de marzo a súa primeira serie de obradoiros e charlas presenciais baixo o nome Coworking days. A actividade inicial foi este xoves 3 de marzo, cun taller para coñecer o funcionamento dun coworking e resolver dúbidas. Os seguintes eventos celebraranse o 10 e o 24 de marzo, con propostas relacionadas coas fases iniciais de emprendemento e establecemento de empresas. As inscricións para as actividades restantes poden realizarse de balde e en liña.
Para as persoas que non poidan asistir, as tres propostas serán retransmitidas en directo e resubidas posteriormente ao perfil de Instagram do espazo A Proa.
Como dixemos, o programa arrincou este xoves cunha sesión dirixida a mostrar a forma de traballo nun coworking, así como a subministrar consellos e ferramentas para iniciar e consolidar propostas de emprendemento, proxectos ou empresas. O obradoiro foi impartido por Gustavo Marcos Cancelas, que foi director executivo da incubadora de empresas Uninova e que conta cunha longa experiencia en mercadotecnia e I+D en empresas como Caixanova ou Cortizo.
Por outra banda, a segunda actividade neste mes de marzo desenvolverase na próxima semana, baixo o título Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea. Acompañadas de Juan Diego Pereiro Areán, organizador e director de Trainers For The Future, fundador de WeKAb.com e do espazo de traballo colaborativo WeKCo, as persoas asistentes poderán aprender o valor dos produto ofertado polo seu proxecto ou empresa. Será o xoves 10, de 17:00 a 19:00 horas.
Para pechar marzo, o xoves 24, de 18:00 a 20:00 horas, celebrarase LEGO Serious Play – Construíndo o teu modelo de negocio. Impartido polo docente e organizador de eventos sobre emprendemento Dani Diéguez, o obradoiro buscará dar a coñecer a técnica de reflexión, comunicación e resolución de problemas LEGO Serious Play. A través de pezas de construción de xoguete, as persoas interesadas poderán aprender a describir e comprender unha situación apelando á implicación e a participación.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. Na súa sede persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
A Proa achega este mes de marzo tres obradoiros de emprendemento innovador
Compartir Este Artigo

