O proxecto ComTecArt, unha das seis residencias creativas que acollerá a Cidade da Cultura nesta primeira metade de ano, botará a andar esta fin de semana. Nela un grupo de estudantes e persoas egresadas de diferentes perfís e titulacións da UVigo traballarán conxuntamente para converter a novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luis Méndez Ferrrín, nun videoxogo. Estas seis iniciativas foron dadas a coñecer por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Cidade da Cultura, xunto con representantes das entidades colaboradoras desta segunda edición das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA 22), entre elas, a UVigo, responsable de ComTecArt, “un proxecto pioneiro xa que é a primeira vez que o eido dos videoxogos forma parte das Residencias”.
As nove persoas seleccionadas para formar parte desta iniciativa comezarán a traballar esta mesma fin de semana na Cidade da Cultura, e farano “de forma intensiva”, como avanzou no acto desta mañá a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén. Ata o 3 de abril, o grupo formado por estudantes e persoas tituladas no curso 2020-2021, daranse cita no Gaiás cada fin de semana para unir os seus coñecementos en diferentes eidos como arte, narrativa, deseño e tecnoloxía co obxectivo de converter nun videoxogo un dos grandes fitos literarios das nosas letras: Arnoia, Arnoia. A novela, publicada por Méndez Ferrín en 1985, narra a viaxe de Nmógadah, un dos Príncipes Segredos das terras de Arnoia, despois de que un pobo veciño invada a súa terra e se vexa forzado ao exilio.
Divididos en equipos multidisciplinares, o alumnado estará coordinado por profesorado do grupo de innovación docente ComTecArt, que dá nome ao proxecto e que, dende hai cinco anos, leva a cabo nas aulas unha experiencia similar, con alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Segundo explicou Legerén trátase de “mesturar alumnos de distintas disciplinas” que, no marco da súa formación en diferentes graos, traballan conxuntamente no deseño do videoxogo, que en si mesmo é un produto multidisciplinar no eido da comunicación, xa que combina “a parte creativa e narrativa, coa parte da arte e tecnoloxía”. Nesta ocasión, participarán na residencia estudantes de Belas Artes, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Telecomunicación, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Os equipos emularán os procesos de traballo na industria, englobando as diferentes fases da creación dun videoxogo, dende o concepto inicial e o deseño de personaxes, ás narrativas, mecánicas do xogo e a súa programación.
Arrinca o traballo da residencia ComTecArt para converter en videoxogo a novela Arnoia, Arnoia
Compartir Este Artigo

