O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu esta mañá o acto de investidura de Ingrid Van Keilegom e Juan Ignacio Cirac Sasturain como novos doutores Honoris Causa.
Ingrid Van Keilegom
A matemática belga Ingrid Van Keilegom foi proposta polo Departamento de Matemáticas da Facultade de Informática e apadriñada polo profesor Ricardo Cao. Na súa laudatio, Cao enumerou os numerosos méritos académicos que avalan a Van Keilegom como acredora da máxima distinción universitaria así como a súa intensa relación coas universidades galegas e coa Universidade da Coruña en particular. Cao, que realizou a súa intervención en galego, inglés e en flamenco, lingua materna de Van Keilegom, glosou os seus logros científicos, parte deles en colaboración cunha chea de investigadoras e investigadores galegos, coma el mesmo, e doutras comunidades autónomas de España, moitos deles presentes non acto.
Van Keilegom é profesora da Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica) e da Université Catholique de Louvain. Realizou estadías de investigación en universidades e centros de investigación de todo o mundo, incluíndo Alemaña, Australia, China, Chipre, Estados Unidos, Francia, Noruega, Sudáfrica e España, onde realizou 29 visitas académicas ás tres universidades de Galicia. A súa relación coa UDC é moi intensa como demostra a acollida de estudantes de doutoramento e investigadores senior na Université Catholique de Louvain e na KU Leuven ao longo dos últimos 15 anos. Ten publicado ademais artigos de investigación en colaboración con investigadores da UDC. O ano pasado, unha destas publicacións científicas realizadas coa UDC foi galardoada cun premio como da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) de España.
As liñas de investigación de Ingrid Van Keilegom comprenden a análise de supervivencia (datos censurados, modelos de curación, censura con dependencia), a inferencia estatística baixo erros de medida, a regresión cuantílica, a regresión non paramétrica e semiparamétrica, a estatística matemática e as variables instrumentais, a endoxeneidade e os modelos fronteira en Econometría. Os seus traballos conteñen avances fundamentais cunha grande repercusión na Inferencia Estatística.
Ingrid Van Keilegom impartiu a súa primeira lección maxistral na UDC sinalando o “honrada que me sinto por recibir esta distinción” e agradeceu a todas as persoas implicadas neste proceso de nomenamento como Doutora Honoris Causa lembrando que a súa relación coa UDC se remonta a hai máis de 25 anos.
Van Keilegom considera moi interesante ver a evolución da área de estatística desde hai case 30 anos. “Nos últimos dez anos aproximadamente, o papel que xoga a estatística na vida diaria é cada vez máis relevante, e tamén está reclamando un rol máis destacado nos debates e discusións sociais sobre problemas importantes como o cambio climático, climas extremos, pandemias, cuestións económicas sobre benestar ou desemprego e, por último, pero non menos importante, tamén xoga un papel importante no auxe da intelixencia artificial, a aprendizaxe automática, a internet das cousas e áreas relacionadas”, manifestou, mencionando a expertos que consideran que os datos son o “novo petróleo”.
A matemática convenceu ao auditorio da importancia da investigación científica en estatística, un mundo que ela definiu como “fascinante” con “moitos problemas aínda abertos á espera dunha solución adecuada”. Tamén recoñeceu que a estatística “ás veces ten mala reputación no público xeral, que cre que se pode demostrar calquera cousa con estatísticas”. Pero os métodos estatísticos, defendeu, “se se usan dun xeito correcto, son realmente moi poderosos e poden contribuír a numerosos campos de aplicacións, como a medicina, a economía, a psicoloxía, etc., a lista é realmente infinita”, sublimando o seu relevante papel. Por iso, concluíu, “estou moi orgullosa de recibir este grao de Honoris Causa en estatística”.
Juan Ignacio Cirac Sasturain
O novo Doutor Honoris Causa Juan Ignacio Cirac Sasturain foi proposto polo Departamento de Química da Facultade de Ciencias e actuou como padriño o profesor da UDC Moisés Canle quen destacou a colaboración académica existente co novo Honoris, quen xogou un papel relevante na revisión do plano de estudos do novo Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía da UDC.
Canle definiu a Cirac como “un colosal científico cun fabuloso recoñecemento internacional, debido aos seus traballos pioneiros en diversos aspectos da ciencia actual” englobando baixo o nome de “ciencia” traballos realizados nas disciplinas de Física, Química, Informática, Nanotecnnoloxía e outras. Moisés Canle definiu o seu traballo explicando que, “podemos aceptar que a investigación consiste en facer avanzar as fronteiras do coñecemento e en explorar o descoñecido. Ambas facetas definen plenamente o labor científico do profesor Cirac”.
O profesor Cirac é un dos científicos de maior impacto e prestixio mundial neste momento. Dispón de máis de 200 artigos que foron citados máis de 100 veces e os seus traballos teñen recibido máis de 100.000 citas (h>l40). Figura, dende hai anos, como un dos máis firmes candidatos á concesión do Premio Nobel de Física.
Juan Ignacio Cirac Sasturain naceu en Manresa. Estudou Física na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou en 1988. Actualmente dirixe o prestixioso Instituto Max-Planck de Óptica Cuántica de Garching (Alemaña) e é Catedrático Honorario da Universidade Técnica de Munich. Anteriormente foi Profesor Titular da Universidad de Castilla la Mancha e Catedrático da Universidade de lnsbruck. A súa longa relación de honores e distincións inclúe o Premio Príncipe de Asturias, o Premio BBVA Fronteiras de Coñecemento, a medalla do Instituto Niels Bohr, a medalla Benjamín Franklin, e o Premio Wolf de Física, considerado como unha antesala do Premio Nobel. Cirac é o único científico español que obtivo tan prestixiosa distinción.
Alén dos seus méritos científicos e académicos, Ignacio Cirac ten amosado acotío o seu forte compromiso coa Ciencia española e a prol da educación pública.
Ignacio Cirac comezou o seu discurso, “A segunda revolución cuántica”, cunha lembranza da súa avoa materna, María Pita, galega, nacida e criada nas Somozas. Cirac describiu un campo científico multidisciplinar, o da Teoría Cuántica da Información, no que traballan físicos, químicos, matemáticos, informáticos e enxeñeiros, ao que dedica o seu tempo desde hai máis de trinta anos. Este campo propón unha nova maneira de procesar, transformar e adquirir información utilizando obxectos microscópicos que obedecen ás leis da Física Cuántica e dá lugar a aplicacións que poden revolucionar o mundo das tecnoloxías da comunicación e da computación.
A Física Cuántica é unha teoría introducida a principios do século pasado e explica a natureza cunha precisión extraordinaria. Está baseada nuns principios sinxelos, aínda que singulares, que se usan desde hai tempo e deron lugar a aplicacións derivadas da electrónica, láseres ou células fotovoltaicas. Cirac afirmou que grazas a este coñecemento, a sociedade goza hoxe de ordenadores, sistemas de comunicación por fibra óptica ou unha gran variedade de dispositivos que se usan en medicina, deseño de fármacos ou o transporte. O descubrimento desta teoría e as súas aplicacións deron lugar á primeira revolución cuántica, cun cambio drástico na sociedade.
Existen outros principios da Física cuántica moito máis sorprendentes que deron lugar a moitas discusións físicas e filosóficas pois supoñían un revulsivo na visión sobre a natureza establecida. Naqueles tempos, apuntou Cirac, nos anos 1930 non se dispoñía da tecnoloxía necesaria para comprobar a veracidade destes principios pero desde hai corenta anos xa se pode experimentar. E isto dará lugar á segunda revolución cuántica nos próximos anos e que promete, aventurou Cirac, revolucionar a forma en que se procesa, transmite e se adquire información.
O reitor rematou o solemne acto afirmando que hoxe a UDC “engrandece o seu cadro de honra coa incorporación dos profesores Ingrid Van Keilegom e Juan Ignacio Cirac Sasturain”, dos que destacou que “xunto co valor orixinal das investigacións dos dous novos doutores Honoris Causa, concorre neles a súa capacidade de colaboración con científicos de todo o mundo, así como a especial atención que lles prestan á divulgación científica”.
Abalde considerou a súa presenza na UDC tamén como “un acto de homenaxe á ciencia, na persoa de dous científicos de primeira fila na comunidade científica mundial”. “Nun tempo en que hai no mundo máis investigadores e investigadoras que en toda a historia da ciencia anteriormente, e nun contexto en que a ciencia e a tecnoloxía tamén se globalizaron, os doutores Van Keilegom e Cirac representan a excelencia da ciencia europea”. Os dous novos membros do Claustro honorífico da UDC desenvolven o seu traballo desde institucións científicas que son polos fortes, destacados, no ecosistema científico e tecnolóxico de Europa. A fortaleza deste ecosistema demanda, reivindicou o reitor, “non só maiores apoios financeiros senón aumentar os mecanismos de cooperación e estimular as sinerxías entre os recursos públicos e privados”. Nesta liña móvese a UDC con iniciativas como a Cidade das TIC, froito da colaboración pública e privada.
O reitor rematou o acto no que se recoñece o talento excepcional dos profesores Van Keilegom e Cirac e as súas singulares achegas científicas que, dixo Abalde, “serviramos de estímulo”.
