Este venres 15 de xullo presentouse na Coruña unha iniciativa de gran relevancia para os obxectivos de converter a nosa terra nun polo de coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico-dixital. Estamos a falar do InnovaClub, unha entidade colaborativa de innovación aberta que terá a súa sede na Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas da Coruña agora en proceso de reconversión). O club foi dado a coñecer polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, a directora do Campus Innova, Susana Ladra González e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. O proxecto vén da man do Campus Innova da UDC e o Clúster TIC, precisamente.
Ten como obxectivo “dar solucións a retos empresariais complexos, difíciles de solucionar de xeito individual e cos medios tradicionais”. A operatividade do club basearase no envío de desafíos concretos por parte das emrpesas, que serán afrontados por equipos deseñados de maneira personalizada e a medida, formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios, “que idearán e prototiparán solucións innovadoras que darán resposta ás necesidades reais do sector empresarial”, sinalouse na presentación deste venres 15, na que o reitor manifestou a súa satisfacción polo nacemento deste club que, segundo sinalou, “promoverá as relacións Universidade-empresa sumándose ás sinerxías xa existentes entre o clúster e a UDC para a Cidade das TIC”. “A Universidade da Coruña ten unha vontade clara de traballar conxuntamente coas empresas”, dixo Abalde remarcando a intención de traballar “conxuntamente, coxerando coñecemento”.
A directora do Campus Innova explicou que se trata dunha iniciativa pioneira que pretende servir de plataforma para a xeración de proxectos de innovación aberta. Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral mostrou a súa satisfacción por colaborar, unha vez máis, coa UDC, coa que está desenvolvendo o proxecto da Cidade das TIC. Sobre o Innova Club “parécenos especialmente acertado”.
O primeiro reto foi achegado polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e consiste en realizar a rastrexabilidade (a trazabilidade) dos cereais que chegan ao Porto Exterior que teñen como destino alimentar á cabana agrogandeira galega. Fernández Prado asegurou que no Porto da Coruña traballan empresas “que son punta de lanza” no seu sector, como demostra que o 75% do alimento da cabana gandeira de Galicia entra pola Coruña. “Somos o graneiro de Galicia e todo o que sexa incorporar tecnoloxía a este sector é bo para o porto e para as empresas”. O presidente da Autoridade Portuaria amosouse convencido de que a UDC conseguirá solucionar este desafío achegado.
O acto contou tamén coa participación do subdirector do CITIC, Javier Pereira, e o responsable da dinamización e xestión do Innova Club, Juan Carlos Bugallo Taibo, que detallou o funcionamento do Innova Club que incluirá cinco fases: definición do reto, equipo e alcance; sprint de innovación; pitch de presentación de resultados; launch: decisión sobre se se lanza ou non un Mínimo Produto Viable (MVP); e roadmap e financiamento para o desenvolvemento completo. Bugallo explicou, ademais, o proceso de elaboración dos equipos que afrontarán os retos que, segundo sinalou, “estarán formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios”.
Innova Club contactará con investigadores para solucionar este e outros retos que se vaian propoñendo, pero, segundo se fixo saber na presentación, aquelas persoas interesadas en participar na resolución deste primeiro reto poden contactar directamente co Club a través da súa páxina web onde atoparán máis información.
InnovaClub afrontará dende a Cidade das TIC os grandes retos empresariais da nosa terra
Compartir Este Artigo

