A Deputación de Lugo vén de captar medio millón de euros de fondos europeos para dar apoio ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital. O investimento foi concedido a través da entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. En concreto, adicarase a desenvolver o proxecto Acelera PEMES, que fortalecerá o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural.
Ao abeiro deste proxecto, a institución creará e manterá en funcionamento durante dous anos unha oficina nas dependencias provinciais con 7 traballadores, unha sede virtual e, a maiores, cinco oficinas móbiles, na Mariña, a Chaira, a zona centro, A Montaña e a Zona Sur para ofrecer “unha atención próxima e eficaz”, segundo explicou a deputada Pilar García Porto, que engadiu que o servizo desenvolverase da man dos concellos e do tecido produtivo da provincia e que o programa “será personalizado, adaptándose ás características e necesidades de cada negocio para que, desta forma, lles sexa realmente útil”. O obxectivo, recalcou, “é axudar ao empresariado a aproveitar os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio, de maneira que as súas iniciativas de mercado gañen en competitividade, produtividade, eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio”.
García Porto anunciou que o pasado luns a entidade pública empresarial Red.es comunicou a súa decisión de conceder á Deputación de Lugo a totalidade dos fondos que lle solicitara no mes de febreiro para sacar adiante este proxecto. Unha axuda que ascende a 400.000€ e que a Deputación de Lugo complementará con outros 100.000€ para poder desenvolver este programa.
“Trátase dunha noticia moi importante, porque con este orzamento poderemos crear e ter en funcionamento durante dous anos unha oficina provincial con 7 traballadores e traballadoras para ofrecer asesoramento e soporte en materia de transformación dixital ás pequenas e medianas empresas dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes”, sinalou a deputada, quen lembrou que son todos, menos a capital.
Pilar García Porto explicou que o programa desenvolverase en 3 fases: a primeira será de difusión do proxecto, para chegar ao máximo número posible de empresas; outra para implantar a rede de aceleradoras; e unha terceira fase para xestionar o servizo.
A Deputación de Lugo, sinalou a Deputada, traballará, “como facemos sempre”, da man dos concellos e do tecido produtivo. A coordinación dependerá da área provincial de Promoción Económica e Social, integrando na iniciativa ás asociacións de empresarios, comerciantes e outras entidades que traballan para o desenvolvemento da provincia, como a USC.
García Porto destacou que co proxecto Acelera PEMES “daremos continuidade a un apoio que xa estamos dando a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, que ten tamén o obxectivo de axudar de maneira gratuíta aos autónomos e ás PEMES da provincia a mellorar o seu negocio a través da dixitalización, e que está funcionando moi ben”.
A Deputación de Lugo capta 500.000 euros para dar apoio gratuíto ás PEME en transformación dixital
Compartir Este Artigo

