O operador Pepephone está a rematar o verán con melloras nas súas tarifas que poden resultar un tanto rechamantes por ofrecer unhas velocidades de fibra óptica moi pouco habituais, aínda que sen incrementar os seus prezos, beneficiando así aos clientes actuais, e resultando un curioso incentivo para novos usuarios, que poden ver os incrementos de velocidade como un reclamo para optar por este operador de baixo custo.
A oferta máis rechamante sería a de fibra de 600 Mbps con 99 GB de datos acumilables no móbil e plan de Netflix básico por 50,90 euros/mes, que pasa agora a contar cunha velocidade de fibra de 800 Mbps simétricos, o que sorprende en boa medida xa que outras compañías dan o salto a 1 Gbps, e quedar a medio camiño pode resultar desconcertante, dificultando a comparación con outras compañías.
Outra tarifa que muda é a popular tarifa Inimitable, que pasa agora a contar con 59 GB acumulables con chamadas ilimitadas por 19,90 euros/mes. Esta mellora tamén afecta ás tarifas combinadas, de xeito que por 48,90 euros/mes ofrecen fibra de 600 Mbps e 59 GB acumulables no móbil.
Con estas tarifas resulta evidente que Pepephone non busca gañar clientes unicamente con prezos agresivos, senón que prefire manter prezos estables e mellorar paulatinamente os seus servizos, mantendo os seus principios, o que dá tranquilidade aos usuarios que valoran a transparencia e a ausencia de cargos ocultos.
Pepephone mellora as súas tarifas
Compartir Este Artigo
