Ante o auxe do teletraballo por mor da pandemia, en 2020 o servizo de videoconferencia premium Google Meet abriuse de balde para todos, de xeito que particulares e estudantes podían acceder a funcións que ata o momento estaban limitadas a usuarios empresariais, aínda que adiantando que esta xenerosidade por parte de Google tiña data de caducidade. Inicialmente falaban de que o servizo seguiría ilimitado ata setembro de 2020, logo ampliaron o prazo ata marzo de 2021; e finalmente é agora cando anuncian o remate da versión premium de Google Meet para todos os usuarios.
A partir deste mesmo mes, as xuntanzas grupais con tres ou máis participantes volverán a ter un límite de tempo de unha hora, mentres que as xuntanzas individuais manteñen a limitación de tempo de 24 horas. Deste xeito, Google quere animar aos usuarios que teñen que realizar xuntanzas en grupo de longa duración contraten o plan Premium de Google One.
Deste xeito, por 9,99 euros/mes os usuarios poden gozar de almacenamento de 2 TB para Gmail, Google Fotos e Google Drive, xuntanzas en grupo máis longas en Google Meet, videochamadas en directo en YouTube, cancelación de ruído de fondo en Meet e gravación de videochamadas en Meet, beneficios que poden compensar a usuarios que realizan un uso intensivo ou profesional destas ferramentas, aínda que non desenvolvan estas actividades dentro dunha empresa.
Adeus ás xuntanzas de longa duración de balde en Google Meet
Compartir Este Artigo
