A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), continúa cos cursos pertencentes ao ciclo de Gamificación para a avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal. As actividades do Issga teñen un carácter principalmente práctico con simulacións no desenvolvemento de diferentes roles e situacións de risco e tamén con traballos no manexo da motoserra. Ademais, os alumnos aprenden a usar e integrar as TIC nas rutinas de traballo con aplicacións móbiles como Alertas Issga ou Segutractor.
A formación impártese coa incorporación de novas metodoloxías, adaptándose a evolución das fórmulas de educación e innovando nos contidos e técnicas tradicionais. Unha das novidades é a gamificación, é dicir, o emprego de dinámicas de xogo en ámbitos non lúdicos co fin de potenciar a motivación, concentración, esforzo, fidelización e outros valores como, neste caso, a prevención de riscos.
O programa dos cursos promovidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade configúrase como un complemento aos contidos que se imparten nos ciclos de formación profesional do ámbito agroforestal. Cada curso conta cunha duración de 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas. Máis de 50 alumnos xa participaron nas diferentes edicións que se realizaron en Lourizán (Pontevedra), Santiago, Tomiño e Mondoñedo.
O Issga aplica a gamificación na prevención de riscos laborais no sector forestal
Compartir Este Artigo
