O proxecto europeo GigaGreen, co-impulsado polo centro tecnolóxico galego CETIM, é a día de hoxe unha das grandes iniciativas de sustentabilidade e innovación enerxética da nosa contorna. Trátase dun proxecto abeirado ao programa Horizonte Europa e formado por un consorcio internacional de 16 socios, entre os que se atopa o dito centro galego, e a través do cal impulsarase a vindeira onda de técnicas de procesamento de compoñentes de celas e eléctrodos da industria de fabricación de Li-ion (ións de litio) de xeración 3B. O CETIM desenvolverá un xemelgo dixital dos novos procesos de fabricación de baterías e, en paralelo, participará na despregadura dunha plataforma de datos dixitais.
Impulsado pola necesidade de obter procesos que se adapten ás necesidades das futuras xigafábricas da UE, o obxectivo final deste proxecto europeo é obter un conxunto de materiais novos (aglutinantes, electrólitos, separadores, materiais activos de cátodo e ánodo, etc.), adaptados a técnicas innovadoras de procesamento de eléctrodos secos e húmidos, que motiven a xeración de rutas de deseño a fábrica e un xemelgo dixital baseado en datos.
Así, durante os 4 anos de duración desta investigación industrial aplicada, desenvolveranse novos procesos de fabricación de compoñentes de celas e eléctrodos, buscando o mínimo impacto ambiental e consumo de enerxía. Para iso deseñaranse celas que faciliten a reutilización e o desmonte e aumenten a rendibilidade e seguridade de procesos e produtos, así como tecnoloxías de alto rendemento que poidan escalarse e automatizarse facilmente.
O CETIM informou que a día de hoxe a fabricación de eléctrodos de celas Li-ion convencionais require dun procesamento que, a futuro, “non será viable”. Por iso, GigaGreen centrarase na fabricación de compoñentes de baterías mediante novas rutas de procesamento húmido e en seco. Ademais, explorarase e probarase a viabilidade de varios procesos de eléctrodos sen solventes. Neste sentido, dende o proxecto promoveranse novos conceptos de reciclaxe, como o reacondicionamiento ou reutilización de eléctrodos e electrólitos, superando así os desafíos da reciclaxe das baterías de Li-ion.
Nesta iniciativa o CETIM asumiu o rol de socio tecnolóxico líder da tarefa denominada “xemelgo dixital” e, para a cal, aplicará o seu coñecemento no ámbito da electroquímica e baterías e a súa experiencia en sistemas dixitais. A súa misión será desenvolver, probar e optimizar un modelo de xemelgo dixital que integre os novos procesos de fabricación de baterías, baixo a ruta de procesamento húmido, de forma que sexa posible facer monitorización e optimizar o proceso industrial con vistas a simular distintos escenarios e realizar un óptimo escalado industrial da produción de baterías.
En paralelo, o CETIM tamén participará no desenvolvemento dunha plataforma de datos dixitais que servirá como centro de documentación para desenvolvedores e que será empregada como punto de partida para as tarefas de análise ambiental e de custos. A previsión é que, mediante a utilización do xemelgo dixital desenvolvido por CETIM sexan acadadas importantes melloras nos novos procesos de fabricación do proxecto GigaGreen, tales como maiores produtividade, redución da pegada de carbono, mellora da fiabilidade dos produtos obtidos, e incremento da flexibilidade dos procesos que permitiría unha rápida adaptación a futuras innovacións no ámbito dos materiais para baterías, axudando á creación de xigafactorías máis sustentables.
O CETIM participa nun proxecto europeo para crear xigafábricas sustentables de ións de litio
Compartir Este Artigo

