A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo (AtlantTIC e grupo GTI) colaboran no desenvolvemento da aplicación web CIMA, unha ferramenta de balde que bota abaixo barreiras de accesibilidade en materia de información de eventos culturais, converténdoa en accesible para todas as persoas destinatarias. Faino creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas. A ferramenta permite xerar decontado e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos por lectores de PDF para seren lexibles de cara a persoas con problemas de visión.
“Os profesionais do sector contarán así cun recurso doado e gratuíto para ofrecer información relevante e de maneira accesible sobre os seus eventos, datos como localización, horarios, información sobre como chegar, guías, prezos especiais, dispoñibilidade de escaleiras mecánicas ou ascensores, espazos de descanso, carreiros accesibles para cadeiras de rodas, información sobre as pezas do museo, etc”, informaron na presentación de CIMA, esta semana, Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e Enrique Costa Montenegro, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador do centro AtlantTIC no grupo GTI.
Esta é a primeira ferramenta xurdida no marco do proxecto europea Erasmus+ ALLURE no que os países socios son Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).
Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
AtlantTIC e a Xunta achegan unha aplicación que garante a accesibilidade dos datos culturais
Compartir Este Artigo

