A operadora Adamo achegou un novo balance sobre os traballos que desprega en Lugo para dotar aos concellos de fibra óptica e Internet de alta velocidade, desta volta poñendo o foco na comarca da Mariña. Segundo fai saber a compañía, ata 52.000 familias residentes nos municipios da franxa litoral da provincia pasaron a ter fibra óptica no últimos cinco anos. En concreto, o cableado produciuse en vivendas situadas en 11 concellos da zona entre setembro de 2018 e a actualidade.
De maneira desagregada, Viveiro (preto de 12.000 fogares conectados por Adamo), Foz (case 11.000), Ribadeo, (ao redor de 7.500), Burela (6.500), Barreiros (5.000), Xove (2.500), Mondoñedo (2.300), Cervo (2.000), Lourenzá (1.400), O Valadouro (1.250) e Alfoz, que se asoma ás 1.000 vivendas que contan hoxe con Internet ultrarrápida.
Adamo complementa esta información lembrando que a infraestrutura que proporciona a compañía nos concellos de Lugo é “a máis rápida dispoñible na actualidade no mercado, de 1.000 Mbps”, o que representa, engade a compañía, un importante aliciente para que familias e empresas se asenten nos concellos do rural e evitar o despoboamento, un dos grandes desafíos sociais, demográficos e económicos da nosa terra. “Grazas á fibra óptica, engade Adamo, “52.000 familias poden realizar con plenas garantías actividades que son agora en grao sumo habitual: teletraballo, educación en liña, compras por Internet, citas médicas telemáticas, videoxogos, series e películas en remoto, etc”.
En total, a compañía levou Internet de alta velocidade a máis de 70.000 vivendas de 35 concellos lucenses no citado período. Para sufragar os traballos, investiu 20 millóns de euros na provincia (fronte aos 5,8 millóns que recibiu en subvencións para expandir a fibra óptica), así como fixo posible a contratación de 300 traballadores locais nos seguintes ámbitos: enxeñería, despregadura, mantemento e comercialización.
Até 52.000 familias de 11 concellos da Mariña accederon á fibra óptica desde 2018 grazas a Adamo
Compartir Este Artigo

