O Clúster TIC Galicia rematou o verán con formación avanzada en tecnoloxías disruptivas. En concreto, achega coñecementos teórico-prácticos en computación cuántica a 23 directivos galegos. Faino a través do seu programa de capacitación estratéxica para executivos, promovido en colaboración con Quanvia e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.
O programa, que se estende en formato online ao mes de outubro, ten como obxectivo principal “axudar as empresas na resolución de problemas computacionais inviables para os supercomputadores actuais”. Esta nova tecnoloxía, sinala o Clúser, permitirá multiplicar o rendemento das empresas participantes, conseguindo vantaxes competitivas simultáneas de diferenciación e custos.
Para acadar este propósito, o alumnado, entre os que figuran profesionais de empresas socias do Clúster TIC Galicia, como Altia, Bahía Software, o CESGA, Cinfo, o CPEIG, Dos Espacios, EGATEL, NTT Data Spain ou Wireless Galicia, está a profundar no coñecemento dos diferentes tipos de computación cuántica e a súa aplicación na empresa. Desta forma, os participantes poderán coñecer o potencial innovador e disruptivo desta nova tecnoloxía e implementalo, identificando o seu valor, riscos e oportunidades.
O curso combina a formación estratéxica con actividades learning by doing, nas que se usan ferramentas específicas en plataformas de computación cuántica para crear e entender modelos de predición sen a complexidade de programalos.
“As materias impartidas”, informa o Clúster, “permitirán aos participantes coñecer o seu interese exponencial en combinación coa Intelixencia Artificial (IA), o Big Data e a Internet das Cousas (IoT), entre outras tecnoloxías; o seu nexo coa IA na cadea de valor e as áreas funcionais da empresa; a Automatización de Procesos Robotizados (RPA); as plataformas dispoñibles de Servizo de Computación Cuántica (PasS) nos negocios; abordar exemplos de aplicación desta tecnoloxía en industrias clave; ou saber que consideracións éticas ten a IA na empresa”.
Dirixido por Enrique Solano, catedrático de Computación Cuántica e co-fundador de Kipu Quantum e Quanvia, ten unha duración de 30 horas e conta, ademais, con docentes de alto prestixio como o profesor asociado da Universidade de Oxford, Manuel Martí; José Rigol, da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ICAI), da Universidade Pontificia Comillas; Gabriel Jaumá, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); Daniel Volz, director executivo (CEO) de Kipu Quantum; e Jesús Domínguez, co-fundador de Quanvia.
O Clúster TIC forma a dúas ducias de directivos en computación cuántica estratéxica
Compartir Este Artigo

