O antigo centro de saúde do Milladoiro vai acoller esta fin de semana dúas propostas formativas, divulgativas, participativas e tecnolóxicas, organizadas pola Oficina de Voluntariado e a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames. Trátase de dous obradoiros, un sobre robótica e ouro sobre reciclaxe, que se celebrarán de xeito simultáneo, a partir das 11:00 horas do sábado 15.
Por unha banda, organízase un obradoiro de robótica en colaboración con R, das 11:00 ás 13:00 horas e dirixido a nenas e nenos dos 7 aos 12 anos, no que se fomentarán os conceptos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) para aprender xogando. Deste xeito, no taller a rapazada poderá crear prototipos tecnolóxicos usando placas BBC Microbit, pezas electrónicas e materiais reciclados para formar estruturas. As inscricións para esta actividade, de balde, poden realizarse en liña.
Ademais, a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames continúa cos seus obradoiros do segundo semestre do ano, co obxectivo de minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo. Desta volta, realizarase un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, que volve tras a boa acollida que tivo esta mesma proposta en setembro. Para participar na actividade, das 11:00 ás 13:30 horas, pódese confirmar a asistencia de balde premendo na ligazón habilitada.
A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames é un proxecto duplo posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). Entre os seus obxectivos están reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio.
A Oficina divulgará sobre novas tecnoloxías, resolvendo dúbidas e dando cursos de formación e actividades de alfabetización dixital, mentres que no Banco de Reciclaxe recolleranse equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan, para que poidan seguir sendo empregados por persoas con menos recursos.
A Oficina de Voluntariado de Ames programa esta finde dous obradoiros de robótica e reciclaxe informática
Compartir Este Artigo

