A operadora de orixe galega R fixo balance da presenza de tecnoloxía 5G, un repaso que pon o foco na nosa terra (sen limitarse a ela) e que guinda cifras destacadas de cobertura, como por exemplo que a día de hoxe a cifra de municipios de Galicia onde R proporciona cobertura 5G é de 148, o que representa o 70% das galegas e galegos. A operadora tamén fai balance das vantaxes da 5G, como o feito de que multiplique por 10 a velocidade dos datos, que reduce a latencia ao mínimo e que permite xestionar unha cantidade inxente de información.
Amais, R agarda que ao longo de 2023 se acade en 5G a mesma cobertura que hoxe existe de 4G en Galicia, para “que a comunidade poida competir con calquera mercado ao máximo nivel e os seus fogares e empresas dispoñan dos servizos de telecomunicacións máis avanzados do territorio”, explican fontes da empresa, lembrando que “para gozar de todas as vantaxes desta tecnoloxía, o usuario debe dispor dun terminal compatible con 5G, incluído xa en gran parte dos smartphones comercializados por R”.
De xeito complementario, a operadora fixo saber que o 70% da poboación estatal ten ao seu alcance o servizo 5G de R. Isto permitiu aos viaxeiros clientes da empresa “gozar da nova tecnoloxía en gran parte de España máis aló de Galicia”, lembrou R.
Por outra banda, das preto de 347.000 liñas particulares de móbil de R, case un 90% “viron mellorada de xeito notable” a súa cobertura nos últimos meses (verán) grazas á rede móbil de R e aos acordos que mantén con outros operadores, o “que se traduciu nun sensible aumento do tráfico de datos”, apunta a operadora, engadindo que “cada vez son máis os clientes que acceden a diario á nosa rede ao ver ampliadas de maneira considerable as súas posibilidades de conexión en lugares recónditos ou zonas impensables hai pouco tempo”.
A maiores, no balance faise saber que nos últimos tres meses, os usuarios da operadora consumiron 8 millóns de xigas de datos, o que representa “case un 40 % de aumento a respecto dos primeiros do ano”.
Concellos por provincias con 5G en Galicia (148)
–A Coruña (55): Abegondo, Ames, Ares, Arteixo, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cee, Coirós, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Melide, Miño, Mugardos, Muros, Narón, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Valdoviño e Vedra.
–Lugo (28): Barreiros, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Cervo, Chantada, O Corgo, Cospeito, A Fonsagrada, Foz, Friol, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Sarria, Sober, Vilalba e Viveiro.
–Ourense (20): Allariz, O Barco de Valdeorras, Os Blancos, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Lobeira, Maceda, Maside, Monterrei, Ourense, Piñor, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Toén, Verín, Vilamarín, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
–Pontevedra (45): Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Cañiza, Catoira, Crecente, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Vigo, Vila de Cruzamentos, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

