Nesta tempada de outono, primeiro en Carballo e logo en Boiro, tivemos ocasión de asistir a unha obra de teatro que pon o foco nos mundos virtuais e que abre novos ámbitos de confluencia (temáticos pero tamén de formatos, códigos e linguaxes) entre as artes escénicas e as novas tecnoloxías. Trátase de Wombo Combo, de Galeatro, unha reflexión sobre como os escenarios dixitais van gañando terreo nas nosas vidas en detrimento do presencial.
A función, que puido verse no festival FIOT de Carballo a comezos de outubro e logo na Casa da Cultura de Boiro, é unha peza para público infantil, xuvenil e familiar que nos conta a historia de Sara, unha rapaza que é vítima de acoso escolar, e da súa relación coa realidade virtual e das novas tecnoloxías. Sara, máis polo miúdo, non ten amigas nin amigos nin é brillante nos estudos. Para evadirse da crúa realidade xoga en liña con ducias de persoas e é imbatible nas loitas. Chegado un punto, descobre que pasa máis tempo na vida virtual ca na real.
A nova proposta escénica de Galeatro está a coller impulso en Verkami, onde a compañía procura contribucións para sufragar os gastos derivados da creación do espectáculo. As vindeiras funcións serán anunciadas en breve a través do Facebook da agrupación teatral.
Equipo artístico
Intérpretes: Alba Bermúdez, Mario Rodrígez, Tone Martínez
Espazo escénico e vestiario: Anahí Taraburelli e Yanina Torres
Espazo sonoro e músicas: Davide González e Martín Rodríguez
Deseño Iluminación: Nacho Martín
Deseño Imaxe: Andrea Ures
Dramaturxia: Paula Carballeira
Dirección: Davide González
O espectáculo Wombo Combo de Galeatro reflexiona sobre a relación entre a rapazada e os novos mundos virtuais
Compartir Este Artigo

