Este venres 14 o Concello de Ames e maila empresa local do sector da tecnoloxía Tecalis participaron en Valencia na sexta edición de Innpulso Emprende. Trátase do evento máis significativo da Rede Innpulso, cuxa finalidade principal é “facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios”. Acudiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e maila directora de asuntos corporativos e gobernanza, Berta Caro. O evento contou coa participación de 53 cidades pertencentes á Rede Innpulso. De Galicia acudiron os Concellos de Ames e da Coruña.
O encontro, promovido pola Rede Innpulso e o Ministerio de Ciencia e Innovación, celebrouse no espazo Veles e Vents, na Mariña de Valencia, e contou coa colaboración do Concello de Valencia, o centro de innovación Las Naves e Valencia Activa.
Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups máis innovadoras que foron seleccionadas por cada unha das cidades.
O Concello de Ames participou no evento xunto coa empresa amesá Tecalis, que ten a súa sede no Polígono do Milladoiro e que está especializada no sector tecnolóxico. Isidoro Martínez e Blas García presentaron o proxecto Tecalis Avatar Identity Technology. Trátase dun proxecto que está desenvolvendo dita empresa para identificar e verificar a identidade dos avatares nas cidades do Metaverso. O obxectivo é certificar calquera perfil dixital no universo virtual.
Trátase dunha tecnoloxía pioneira no ámbito do Metaverso, a primeira das súas características. Segundo explicaron o Concello e Tecalis, a día de hoxe existen organismos a nivel mundial que están replicando no Metaverso as súas cidades para tentar mellorar os sistemas de transporte, resolver problemas de tráfico, xerar novos modelos de xeración de enerxía, mellorar o seu modelo urbanístico, etc. Neste contexto, a tecnoloxía Avatar Identity Technology permitirá dispor de perímetros organizados de seguridade no Metaverso.
O alcalde de Ames, Blas García, foi encargado de abrir a presentación e destacou que “o Concello de Ames dispón dun HAB tecnolóxico e innovador humilde pero moi importante, onde ten a súa sede a empresa Tecalis”. Tamén explicou que “Isidoro Martínez e Alberto Campos son membros de Tecalis e son dúas persoas que naceron en Ames e que continúan coa súa empresa no noso concello, cando poderían ter a súa sede en cidades como Madrid, A Coruña, Barcelona ou Valencia”.
A continuación o director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, foi o encargado de presentar os detalles do proxecto Tecalis Avatar Identity Technology. Fíxoo deste xeito: “O Metaverso vai transformar as nosas vidas. Hai moitas organizacións e organismos públicos que están facendo grandes investimentos neste novo ámbito tecnolóxico dende hai algún tempo. Ofrécenos grandes oportunidades pero tamén ten grandes riscos, un dos cales reside na xestión da identidade das persoas. No Metaverso podemos facer practicamente calquera cousa: visitar un museo, abrir unha conta bancaria, facer un trámite na administración pública, etc. Pero que sucede se nos suplantan a nosa identidade? Como podemos saber se a persoa coa que estou falando é realmente quen di que é? Tecalis Avatar Identity é a tecnoloxía que resolve estas preguntas. Trátase da primeira solución do mundo de verificación de identidade con DNI para o Metaverso”, comentou Isidoro Martínez.
O director de Tecalis continuou explicando que “simplemente empregando o DNI e escaneando o anverso e reverso do mesmo, ou con un NIE ou pasaporte de calquera dos 193 países cos que temos compatibilidade, vaise poder facer esta proba para a cal é preciso facer un selfie da persoa. Para iso escanearase o rostro do individuo e farase unha proba biométrica e tamén un mapa morfolóxico da persoa para construír un avatar, unha identidade dixital soberana, que vamos poder usar en calquera dos metaversos e así poder ofrecer a cidadanía a seguridade necesaria. Todo este proceso vai a ter unha duración de tan só un minuto e tan só necesitamos un teléfono móbil para poder facelo”.

