A aplicación móbil Millennium Próxima do Concello da Coruña comezou a súa andaina con case 7.000 usuarios e usuarias dadas de alta a cinco días da súa presentación e posta en marcha oficial, celebrada o pasado 6 de outubro. Segundo destacaron fontes do Goberno local, este sistema para pagar o billete do bus urbano desde o teléfono rexistrou “unha grande aceptación por parte da cidadanía” nos seus primeiros días de uso.
O obxectivo da ferramenta é “facer a vida máis sinxela á cidadanía a través da tecnoloxía que temos dispoñible”, sinalou José Manuel Lage, voceiro do Goberno de Inés Rey e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior.
Nos primeiros cinco días de implantación non se rexistraron incidencias de relevancia no servizo, que funciona empregando a tecnoloxía NFC dos dispositivos móbiles, aproveitando os lectores dos autobuses.
O obxectivo deste sistema é que substitúa de maneira progresiva ás tarxetas en formato físico, que, con todo, seguirán en activo como ata agora para quen prefira ese método de pago.
A nova aplicación é doada e, en palabras do Concello, “doada de empregar”. Asi, calquera usuario pode descargala a través da Play Store e darse de alta na tarifa xeral sen facer ningún trámite. De feito, só os perfís con bonificacións especiais deberán acudir á estación de autobuses, sen concertar cita previa, para darse de alta neses perfís.
O Concello informou que está a reforzar a información sobre o novo servizo a través das oficinas dos rexistros, do 010 e na propia estación, e tamén está en marcha unha campaña divulgativa con códigos QR para que calquera poida descargar o programa do xeito máis sinxelo.
Unha vez realizada a descarga, as persoas usuarias teñen que vincular a Millennium Próxima cunha tarxeta bancaria para poder facer as recargas. A recarga mínima será de 5 euros fronte aos 10 euros actuais, e, partir de aí, non será preciso acudir a ningún caixeiro para facelo, xa que a recarga faise desde o propio teléfono cando o usuario o precise e con tarxetas de calquera entidade bancaria.
A aplicación Milennium Pŕoxima da Coruña acadou as 7.000 descargas en cinco días de operatividade
Compartir Este Artigo

