Dende este 25 de outubro e ata as 12:00 horas deste xoves 27 de outubro está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames que pretende “estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego”. Nesta terceira edición participaron no concurso máis de 200 mozas e mozos.
A terceira edición do certame Galetiktokers repartirá seis premios de 300 euros entre dúas categorías (unha para mocidade de entre 13 e 16 anos e outra para maiores de 17). Dous deses premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor/a do perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames) e votar polos seus vídeos favoritos. As publicacións que acumulen maior número de gústames serán as que se fagan co galardón.
Os outros catros premios (dous para cada categoría) decidiraos un xurado formado por tres persoas do ámbito das novas tecnoloxías e das redes sociais: a cantante e actriz Paula Chaves Pérez, coñecida como Pauliña, a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens e a tiktoker Sara Seco Rial. Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 5 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Trátase do terceiro ano consecutivo que o Concello de Ames organiza o certame Galitiktokers e, segundo informaron fontes do Consistorio, batéronse nesta convocatoria marcas de participación. Deste xeito, foron enviados 65 vídeos en total, unha cifra que triplica a da anterior convocatoria. Desas propostas, 35 pertencen á primeira categoría (para persoas de entre 13 e 16 anos), e as 26 restantes encádranse na segunda categoría (maiores de 17).
O prazo para votar os vídeos gañadores do público en Galetiktokers pecha este xoves
Compartir Este Artigo

